Uns 4 millóns de euros para o Baixo Miño no Plan Concellos 2021

Promovido pola Deputación de Pontevedra

Pontevedra| Os concellos do Baixo Miño recibirán o próximo ano 2021 case 4 millóns de euros, (3.971.191€), do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que en toda a provincia ascende ata os 42,5 millóns o que se traduce na maior transferencia de recursos da historia da institución. Os números do Plan foron presentados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, e responden como en anos anteriores a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade.

Así, no Baixo Miño, os investimentos do Plan provincial serán para Tomiño de 1.231.581 euros; Tui 1.029.037 euros; A Guarda 677.414 euros; O Rosal 575.486 euros; e Oia 457.671 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 24 millóns de euros (24.041.273€). Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan “a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos”.

“Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos” asegurou Silva na presentación. Este ano, “todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior e temos moito orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, “volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios”.

En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 19.650.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 13.800.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 8.825.000 €. “Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar a este grupo preto dos 33 millóns e medio de €”. Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.

O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30% da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidades derivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20% da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

O vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo da Deputación na axuda aos concellos da provincia salientando que sumado o Plan Concellos (42,5 M€) e as liñas de actuación (Revitaliza, Ágora, actuacións en vías provinciais…), invístense 75 millóns de euros anuais nos municipios, o que supón o 64% dos recursos provinciais unha vez descontado o capítulo de persoal. “Máis é imposible. Estamos a facer un esforzo máximo e non debe haber deputación que faga algo parecido”, subliñou.

Mosquera fixo fincapé no seu afán de cohesión territorial, xa que destina proporcionalmente moitos máis cartos por habitante aos concellos de menor poboación. “Hoxe fálase da España vaciada, pero a Deputación leva facendo isto dende o ano 2015, dende antes de que se falara disto”, lembrou. Neste sentido, subliñou que para os municipios de menos de 10.000 habitantes só o Plan Concellos representa máis dunha cuarta parte do seu orzamento. “O normal é que dispoñan de entre 400 e 500 euros por habitante, e a Deputación achega 117 euros. Nalgúns casos pasa do 30% do orzamento, polo que con eses fondos poden actuar razonablemente” achegando servizos á súa cidadanía, subliñou.

Balance 2016-2021: 252 millóns de euros
“Ningunha administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia” asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos.

Deste xeito, desde o 2016 achegáronse a case 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales máis de 116 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 53 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. “Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos”, remarcou Carmela Silva.