
Ourense | Xantar 2025 viviu hoxe a súa terceira xornada de feira en Expourense unindo a gastronomía e a música de Galicia, Portugal e Venezuela, país que este ano se sumou ao salón convocando á comunidade venezolana na provincia de Ourense a participar no evento. Tequeños, cachapas e arepas son algúns dos pratos máis demandados do Mercado Enogastronómico no que hoxe tamén puido gozarse do concerto da artista venezolana Maira.
Este concerto animou o mercado mentres que a formación “@de vinho” do Grove e o Rancho Folclórico de Pinhao de Alixou (Portugal) animaron coas súas actuacións os corredores do recinto. Os visitantes gozaron das súas actuacións á vez que facían paradas nas casetas para a degustación ofrecida polo Concello da Cañiza que veu presentar a 60ª edición da súa Festa do Xamón que se celebrará o 15 de agosto de 2026. A degustación de xamón complementouse con queixo, mel e viño. A sobremesa de hoxe correu a cargo do concello de Vilariño de Conso que ofreceu Montonico, bicos e castañas asadas.

Nesta xornada de sábado, Xantar acolleu tamén o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que celebrou a súa 21ª edición e no que participaron unha trintena de confrarías de España, Portugal, Francia e Ecuador.
Entre as actividades celebradas hoxe no recinto destacou a presentación do proxecto “Sabedoras. Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro – Carballiño” que incluíu un showcooking impartido pola chef Begoña Vázquez acompañada por varias das “sabedoras” que participan nesta guía gastronómica que recolle as receitas “de toda a vida” cociñadas polas mulleres desta comarca. Neste acto defendeuse o papel das mulleres na historia da gastronomía galega. Esta xornada concluiu cun novo concerto no Mercado Enogastronómico, nesta ocasión do grupo vigués “Teño sede”.
Concurso DevoraJalys
Onte celebrouse en Xantar o Concurso DevoraJalys no que 30 aspirantes, todos eles residentes na provincia de Ourense, participaron nun reto tan divertido como esixente: consumir a maior cantidade posible de gramos das icónicas patacas Jalys en tan só 60 segundos, baixo a supervisión do xurado oficial.
Tras unha final chea de intensidade, velocidade e moitas ganas de renxer, o podio quedou configurado da seguinte maneira: Pimeiro premio, Néstor Blanco González. Segundo premio, Keyfer Terán e terceiro premio, Xabier Villalba Rodríguez Hermida. Nas fotos as confrarías e os gañadores do concurso das patacas fritidas de Xinzo de Limia.




