Unha extensa axenda cultural para O Porriño nos vindeiros meses

Con teatro, concertos, obradoiros e actividades de rúa

O Porriño | O Porriño desenvolverá unha potente programación cultural e de ocio este verán con propostas para todos os gustos e públicos. O obxectivo do novo executivo: que a veciñanza do Porriño e da contorna conte cun amplo abano de actividades sen ter que saír do pobo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe a axenda de base para os meses de maio, xuño e xullo, que inclúe concertos, exposicións, cine na rúa, circo, literatura, grandes eventos como Porrigalia ou a Festa dos Cachos e na que teñen un gran peso as asociacións culturais e veciñais do municipio.

“Queremos que a xente disfrute e viva O Porriño”, explicou o alcalde, “Estamos comprometidos coa cultura e ese compromiso require unha planificación que permita ter cada semana actividades de calidade que convivan cos eventos máis tradicionais e tamén cos que regresan, como Porrigalia que este ano volve con forza disposta a consolidarse”.

No mesmo sentido se expresou o edil de cultura, que incidiu en que “se trata dun programa de base ao que se sumarán máis actividades”. “Agárdannos moitas sorpresas este verán no Porriño”, concluíu.

A axenda porriñesa inclúe programacións específicas para conmemorar datas moi sinaladas, como o Día das Letras Galegas, o Día do Orgullo (Día do Porriño Orgulloso) ou a celebración dos Maios. Tamén unha innovador “Coñece a túa parroquia” e un ciclo de cine na rúa que fará as delicias de pequenos e maiores . A música terá un gran peso tamén na programación, con propostas de jazz, blues, folk, pop ou clásica.

Espazo web para Normalización Lingüística
O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño, pertencente á Concellería de Educación, conta xa cun espazo web propio (www.normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com) co obxectivo de achegar o noso idioma á cidadanía e co que poderá dar visibilidade ás campañas de dinamización e normalización lingüística, así como a diversos materiais e recursos en lingua galega.

As persoas usuarias poderán, ademais, resolver as súas dúbidas lingüísticas e achegar as súas suxestións a través do formulario de contacto co que conta este espazo web. A través do espazo dedicado a novas o SNL do Porriño manterá informada a súa cidadanía da actualidade relativa á lingua galega, tanto local coma autonómica.

O blog abre as súas portas co concurso O galego é, co obxectivo de dinamizar a lingua galega na mocidade, e coa presentación da Unidade Didáctica: Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), para achegar a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022 á nenas e nenos de 5º e 6º curso de primaria.