UNED Ourense aprobou o plan docente 2023-2024

Incluirá o terceiro curso de Educación Infantil

Ourense | A xunta reitora do Consorcio de UNED Ourense celebrou sesión para aprobar as contas anuais do exercicio económico de 2022. Ademais, aprobouse a planificación académica do curso 2023-2024, na que destaca a posta en marcha do terceiro curso do grao de Educación Infantil.

Estes son dous dos asuntos de maior interese dunha orde do día con 9 puntos relativos a dar de baixa diversos bens e o inventario, aprobar o regulamento de Inventario deste Consorcio, ademais de darse luz verde a unha proposta de compensación para os profesores titores da UNED Senior.

A esta reunión ordinaria asistiron Rosendo Fernández Fernández como presidente en funcións; Jesús de Andrés Sanz, vicerreitor de Centros Asociados da UNED; Jesús Manuel García Díaz, director de UNED Ourense; Julio Prada Rodríguez, coordinador académico e representante dos profesores titores de UNED Ourense; Gonzalo Alonso Álvarez, administrador de UNED Ourense; Armando Bouzo, representante do Concello de Ourense; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Miriam Casas Barba, representante de estudantes e María Concepción Álvarez Gómez, secretaria da xunta reitora.

UNED Ourense segue cumprindo a súa función formativa superior e social na provincia como vén facendo desde hai 30 anos. “Tras un curso intenso, non hai tempo que perder para preparar o seguinte”, dixo o director. “Aquí non descansamos, mantemos o ritmo administrativo para que, á volta de agosto, todo estea preparado para empezar de novo outro ano académico con ilusión”, engadiu. Na Foto Jesús Manuel García e Jesús de Andrés Sanz.