Un total de 74 tendas de Monforte de Lemos participan no Bono Activa Comercio

Iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia

Monforte de Lemos | O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou en Monforte de Lemos, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, varios dos establecementos adheridos á iniciativa do Bono Activa Comercio – Calzados Losal, Librería Agrasar, Opticalia, Ozono Shop, Xoeiría Domingo, Doble M, e Kukin Calzado Infantil–, onde informou de que o concello conta con 74 tendas adheridas ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia que xa se descargaron máis de 1.600 usuarios da zona.

Un dos establecementos –Doble M– é propiedade do piloto Eduardo Iglesias, o único galego que finalizou o Rally Dakar 2021, polo que o vicepresidente económico aproveitou a visita para trasladarlle os seus parabéns por todos os éxitos que axudan a difundir a marca Galicia Calidade.

Polo que respecta á provincia, 814 comercios se sumaron a esta iniciativa que conta con 17.600 usuarios. No que respecta á Comunidade, son un total de 5.260 establecementos e 132.000 bonos descargados polos galegos e galegas. Unha cifra que se seguirá incrementando xa que o prazo para a descarga dos bonos por parte dos clientes permanecerá aberto.

“Polo que respecta á provincia, 814 comercios se sumaron a esta iniciativa que conta con 17.600 usuarios. No que respecta á Comunidade, son un total de 5.260 establecementos e 132.000 bonos descargados polos galegos e galegas”

O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas específicas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. En concreto, a iniciativa conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.

“O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego”

Conde explicou que a medida, destinada a axudar ao colectivo dos autónomos e pequenos negocios do sector, está enfocada a reactivar o consumo e recoñeceu o papel do comercio, un dos máis afectados pola crise da covid, que sempre trasladou unha mensaxe de confianza e seguridade. Neste sentido, no marco do Plan de reactivación posto en marcha o ano pasado destináronse 61M€ en apoios ao comercio para mellorar a seguridade, a dixitalización, a dinamización de vendas, a formación ou para achegar liquidez.

A iniciativa súmase ao Plan de Rescate para pemes e autónomos co que nos últimos seis meses a Xunta destinou 560M€ en axudas directas aos sectores máis prexudicados e que contará cunha terceira convocatoria de 234M€.