Un Orzamento 2024 máis social no Covelo

O monto total é de 2.035.902,71€, un 5,63% superior ao do 2023

O Covelo | O último pleno ordinario do Concello de Covelo deu luz verde ao orzamento para o ano 2024 que ascende a 2.035.902,71€, sendo un 5,63% superior ao do 2023. O orzamento para o presente ano vén marcado polo seu carácter social no que se mantén e, nalgúns casos, aumenta o apoio a colectivos sociais, axudas e coidados das persoas con dependencia.

O Concello incrementa nun 9,12% a área de protección e promoción social destinada ao servizo de axuda no fogar (SAF) co obxectivo de ofrecer unha mellor atención, chegar a máis persoas dependentes e contribuír na mellora da prestación tanto para as profesionais como para os receptores de axuda. Tamén mantén a dotación de 4.000€ para a subvención de fomento da natalidade. Nesta área o Concello de Covelo da un paso máis e suma aos seus orzamentos o apoio en firme á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

O goberno de Covelo volve apostar pola mellora das oportunidades laborais da veciñanza e afianza a partida destinada a formación. Ante o éxito de participación no Plan de Emprego e Formación do Concello de Covelo deseñarase un oitavo plan atendendo á demanda non só do mercado laboral tamén da cidadanía.

O Concello destinará 10.000€ a ofertar cursos que melloren o curriculum das persoas empadroadas e contribúan á empregabilidade. Os cursos volverán ser organizados de xeito participativo e consensuado avaliando os criterios das empresas de formación, plataformas de emprego e necesidades recollidas entre as veciñas e veciños.

Outras das partidas que ascende significativamente é a da área de gasto de producción de bens públicos que sube un 53,09% coa contratación dunha empresa de limpeza externa que atenda ao colexio, centro de saúde e instalacións deportivas, entre outros espazos públicos, ao non ter o Concello persoal suficiente para desenvolver estes traballos.

Co propósito de apoiar a iniciativa das asociacións e clubs, o orzamento contempla unha subida na partida para a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Antonio Rodríguez Blanco para a realización de actividades socio-educativas; tamén incrementa o apoio ao Ciclo de Música de Barcia de Mera que atrae a milleiros de persoas cada ano dando a coñecer a riqueza cultural e histórica da vila. Neste senso, contémplase un maior apoio económico ao Club Covelo Patinaxe Artística e ao Covelo Club de Fútbol cunha aportación total de 6.220€. As subvencións directas nominativas que respaldan as inquedanzas dos colectivos locais acadan a cifra de 20.200€

Neste ano manteranse as axudas para adquisición de libros así como a partida para actividades culturais e festexos e increméntanse as cantidades destinadas ao programa de sumidoiros, recollida e tratamento de lixo.

A regulación dos postos de traballo (RPT) supón unha subida do 15% nos números para o 2024, adaptando os salarios e liquidando os incrementos previstos nos salarios. O orzamento deste ano ten en palabras do alcalde, Pablo Castillo, un carácter “social que quere atender ás necesidades fundamentais como os coidados, a formación axeitada para atopar un emprego, espazos públicos máis agradables nos que socializar e desenvolverse a diario, inquedanzas culturais, fomento da práctica deportiva e apoio aos colectivos que traballan dun xeito desinteresado por un ben común”.