Un estudo da Xunta e o CSIC sitúa a orixe das terrazas da Ribeira Sacra no século X

Reforzando así a súa singularidade mundial

A Pobra do Brollón | A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, presentaron os resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra que sitúan a súa orixe no século X e permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola. Trátase, como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dun estudo de especial relevancia que permite achegar evidencias científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra.

Os traballos, encargados pola Goberno galego, foron realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC) na ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, e enmárcase no proxecto Adegas da Memoria, no que ademais da Consellería de Cultura e Incipit-CSIC, participan tamén o Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur.

Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento dos conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

“Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter”

Ademais das datacións, este proxecto, levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento dos Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

Evolución histórica
Tal e como se pode concluír das datacións, da escavación dos conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volve haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

Na actualidade o lugar dos conventos xunto ás adegas tradicionais de Vilachá configuran un recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico.

Con estes traballos, a Xunta de Galicia continúa a apoiar as iniciativas que poñan en valor territorio da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final na candidatura a Patrimonio da Humanidade. O Goberno galego está a destinar 4,5 millóns de euros para poñer en valor bens patrimoniais incluídos nesta paisaxe cultural desde o inicio da candidatura. Trátase dun esforzo orzamentario que, tal e como indicou, reflíctese nun incremento do 19% nos fondos dedicados a conservación de bens patrimoniais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!