Turismo sostíbel para Compostela.

No ADN compostelán están os seus Camiños. Eses Camiños ingleses, francés ou portugués que achegaron centos de milleiros a Galicia e construiron Europa na peregrinación a Santiago.

No ADN dos compostelanos está, tamén, a hospitalaria recepción aos que visitan a Cidade, cumprindo o mandato do Papa Calixto II a mediados do século XII, a pouco da morte de Xelmírez e próximo o apoxeo do reino de Galicia que daría anos despois ao mundo a marabilla do Pórtico da Gloria. Por outra banda, dende a perspectiva de hoxendía, cómpre lembrar que case un 20% do PIB compostelán alicérzase nas actividades turísticas.

Porén, a masificación do turismo de peregrinación ten xerado efectos indesexábeis. Na convivencia cidadá, no custo prohibitivo dos alugueiros para os residentes e nos custos ambientais e de conservación do riquísimo patrimonio cultural compostelán, non sempre axeitadamente promovido nin avaliado.

“A masificación do turismo de peregrinación ten xerado efectos indesexábeis”

O centro histórico desertizouse de toda actividade comercial que non sexa hostaleira ou de venda de souvenirs. A falla de comercio de proximidade na ámendoa e arredores expulsa da Cidade histórica aos seus habitantes.

Esta fin de semana remata a Xornada Europea da Xuventude, que organizou o Bispado e trouxo a Santiago 10.000 mozos e mozas do resto do Estado canda 350 portigueses e uns 600 doutros países europeos. E, malia a longa experiencia desta caste de eventos que ten a Cidade, semella que existiron serios problemas de convivencia entre estes visitantes e moitas persoas residentes. Documéntanse casos de ruídos inadmisíbeis en horarios de descanso, curtes do tránsito no Ensanche e maltrato ao patrimonio.

Polo menos ducias destes rapaces teñen amosado carecer dos mínimos de respecto pola cidade que che acolle e polos seus residentes que constitúen os alicerces de calquera turismo sostíbel. Moitos composteláns teñen dito alto e claro que compre controlar eventos coma éste, que dificultan o desfrute da Cidade polos seus residentes e afastan da mesma ao turismo relixioso, cultural e gastronómico que gasta e que respecta.

O debate sobre a dimensión, fasquía e regulación do turismo sostíbel é urxente xa, para Compostela e para Galicia enteira. Sen dúbida haberá que falar da taxa turística, dos límites da accesibilidade a determinados espazos e tamén –e moito– das normas de comportamento para as persoas visitantes.

Neste labor a Xunta, o Concello, a sociedade civil e os partidos haberían formular axiña cadansúas propostas. Porque moita xente está a dicir que este modelo xa non é sostíbel.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.