
Cernobbio | Turismo de Galicia está a participar desde este xoves ata o vindeiro domingo, 4 de outubro en Orticolario, a feira europea de referencia en paisaxismo, deseño de xardíns e cultura botánica, cun espazo inmersivo de 90 metros cadrados, que inclúe a recreación dun salón de té de camelia. O director de Turismo de Galicia asistiu este tarde á inauguración da feira no marco da que manterá varios encontros de traballo con turoperadores, xornalistas e creadores de contidos interesados nas propostas de turismo de natureza co fin de promocionar o turismo Premium relacionado cos recursos patrimoniais da ruta da camelia, impulsada pola Xunta de Galicia.
O director de Turismo de Galicia subliñou que a presenza en Orticolario sirve tamén para reforzar a promoción de Galicia en Italia, un mercado que representa o 8,2% do total das noites de turismo internacional na comunidade galega. Precisamente, nos oito primeiros meses do ano, o número de viaxeiros italianos aloxados en Galicia aumentou un 33% respecto ao mesmo período de 2025, ata alcanzar os 112.000 viaxeiros, mentres que as noites creceron un 25%, superando as 161.000 noites. “Italia é o terceiro mercado internacional en número de visitantes a Galicia nos oito primeiros meses deste ano”, sinalou Xosé Merelles, lembrando que tamén está a experimentar un importante incremento en número de peregrinos italianos que fixeron o Camiño ata a actualidade, en concreto, uns 40.000 italianos. “Son turistas que viaxan maioritariamente a Galicia por ocio ou vacacións, pero que tamén se moven por negocios e polo Camiño de Santiago”, afirmou.

Precisamente, co obxectivo de dar a coñecer o destino en Italia e moi especialmente en Orticolario, o espazo galego presente na feira, duns 90 metros cadrados, foi concibido como unha experiencia inmersiva na que a escenografía recrea o interior dun antigo pazo abandonado no que a vexetación se abre paso entre os muros e a pedra, para transmitir que en Galicia patrimonio e xardín son unha soa cousa. A proposta busca espertar a curiosidade dun público experto cunha lectura artística e sensorial da paisaxe galega, máis próxima á emoción que ao folleto turístico. Ao longo destes catro días, Turismo de Galicia amosará o potencial do destino a partir da promoción dos bosques atlánticos de gran valor ecolóxico, espazos naturais protexidos, xardíns históricos vinculados aos pazos e unha tradición hortícola e botánica de séculos. Neste relato ten un lugar propio a Ruta da Camelia, que convida a descubrir a comunidade de xardín en xardín e de pazo en pazo, e que gañará aínda máis forza de cara ao Xacobeo 27. Así, arredor da instalación central, varias áreas de información turística amosarán a oferta galega: patrimonio natural e cultural, xardíns históricos, camelia, rutas paisaxísticas, gastronomía e un modelo de turismo sostible que se vive os doce meses do ano. A artesanía terá tamén protagonismo. Unha artesá galega especializada na flor de papel realizará demostracións en directo durante toda a feira, ofrecerá como recordo camelias convertidas en broches feitos á man e impartirá dous obradoiros participativos para compoñer pequenos ramos de flores de papel.
O ‘Invernadoiro’, un salón de té que evoca a hospitalidade dos pazos, ofrecerá degustacións de infusións elaboradas con camelia de Galicia acompañadas de doces tradicionais galegos. Nas súas últimas edicións, Orticolario reuniu máis de 250 expositores de toda Italia e doutros países europeos. Recibe un público que combina profesionais do paisaxismo con viaxeiros e afeccionados, cada vez máis deles procedentes de fóra de Italia, cun perfil esixente, sensible á calidade e con elevado poder adquisitivo. É, polo tanto, un escaparate idóneo para un destino que basea a súa proposta na autenticidade, o sosego e a excelencia, valores que sintetiza a marca Galicia Calidade.




