Turismo de Galicia está presente na VI Convención Turespaña 2026

Os encontros centranse en mercados de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Francia e Irlanda

Zaragoza | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe nunha rolda de reunións con conselleiros de Turismo de España nos mercados internacionais, no marco da VI Convención Turespaña 2026, que ten lugar en Zaragoza ata o xoves 22 de outubro. Estes encontros permiten avanzar na definición das liñas de actuación do Plan de Promoción Internacional de Turismo de Galicia 2027, reforzar a colaboración coa rede de oficinas de turismo de España no exterior e identificar oportunidades para mellorar a visibilidade de Galicia como destino turístico internacional.

En total, o director de Turismo de Galicia mantivo encontros con responsables das oficinas españolas de turismo no exterior, situadas en Pequín, Chicago, Lisboa, Singapur, Viena, Varsovia, Cantón, Roma, Milán, La Haya, Bos Aires, París, Dublín, Bruxelas, Toronto, Os Ánxeles, São Paulo e Frankfurt, entre outras. Ademais, reuniuse coa subdirectora xeral de Estratexia e Servizos ao Sector Turístico de Turespaña, María Isabel Garaña Corces.

A xornada centrouse nas oportunidades de promoción de Galicia nos principais mercados emisores de viaxeiros internacionais, entre os que destacan Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Francia e Irlanda, que figuran entre os que máis visitantes achegaron á comunidade en 2025. Neste contexto, tamén se abordou a promoción de Galicia nos mercados europeos que contarán con conexións aéreas directas coa comunidade en 2027. Así, as reunións cos responsables das oficinas españolas de turismo en París, Roma, Varsovia, Bruxelas e Milán permitiron analizar as oportunidades que ofrecen estas conexións para incrementar a chegada de visitantes internacionais e reforzar o posicionamento de Galicia como destino turístico.

Punto de encontro
Estes contactos contribúen a reforzar as posibilidades de promoción nos mercados de Europa, América e Asia, así como adaptar as accións ás características e preferencias dos distintos perfís de viaxeiros internacionais.

As xornadas da VI Convención Turespaña celébranse en Zaragoza do 20 ao 22 de outubro e reúne a axentes do sector turístico español co propósito de fomentar a colaboración e a definición de obxectivos comúns entre destinos, empresas e institucións. Esta sexta edición analiza o papel do turismo internacional como motor de transformación do sector, abordando os retos e as oportunidades para avanzar cara a un modelo turístico máis competitivo, innovador e sostible.

No marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, a Xunta desenvolve en 2026 máis de 150 accións de promoción turística, co obxectivo de reforzar a proxección internacional e captar novos públicos.

Estas actuacións buscan posicionar Galicia como un destino competitivo, sostible e atractivo durante todo o ano, poñendo en valor a súa oferta natural, cultural, patrimonial e gastronómica. Por iso, a colaboración coas oficinas de turismo no exterior resulta clave para estreitar vínculos cos profesionais do sector e identificar novas oportunidades de promoción e crecemento.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.