Tui solicita programa de inserción laboral para mulleres

A través dun PIE ante a Xunta de Galicia

Tui | O Concello de Tui presentou ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade a solicitude dun Programa Integrado de Emprego. O investimento previsto ascende a 247.191,01€. De ser concedido desenvolverase durante un ano, con inicio previsto en novembro, para mellorar a empregabilidade dun centenar de mulleres do municipio.

Tendo en conta que en Tui a taxa de desemprego feminina case duplica á masculina, e que o índice de paro feminino é notablemente superior ao masculino entre persoas cun mesmo nivel de estudos o concello de Tui aposta por mellorar con este programa a empregabilidade feminina.

Outro dos datos tidos en conta para solicitar un programa integrado dirixido exclusivamente a mulleres é a desigualdade rexistrada tamén no paro por sectores, principalmente no sector servicios e na construción onde as mulleres non teñen practicamente presenza.

Así con este proxecto o concello de Tui busca “ofrecer as mulleres de Tui unha oportunidade de mellorar a súa empregabilidade para facilitar a súa inserción no mercado laboral a través dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso personalizado e individualizado que ten como obxectivo o crecemento persoal e profesional das participante”. Ao tempo quérese contribuír á promoción da igualdade no ámbito económico, laboral e social, á prevención da violencia de xénero, tal e coma sinala a concelleira de Formación, Emprego e Igualdade, Ana Nuñez.

O programa solicitado iniciaría a súa actividade, unha vez seleccionadas ás participantes, con formación para mellorar os resultados da busca de emprego con talleres de coaching e orientación, de preparación dunha entrevista de selección de persoal, intelixencia emocional, ou emprendemento. Tamén se impartirán obradoiros de mobilidade laboral, centrados principalmente en Portugal en colaboración co Eures Transfronteirizo. Coma novidade incorporarase un obradoiro sobre o uso da Intelixencia Artificial para mellorar a procura de Emprego.

Pero amais impartiranse cursos de competencias dixitais, xestión informatizada e control de stocks, operacións básicas de liña de produción, técnicas de venda e post-venda, manexo de plataformas elevadoras, técnicas de paquetería, expendedor/a de gasolina, entre moitas outras completando un total 1.198 horas de formación previstas neste programa. Contará tamén con medidas de conciliación e prácticas non laborais en empresas.

O programa vai dirixido a 100 mulleres e fixa coma obxectivo a inserción de máis do 45% das participantes. Para iso o Servizo Municipal de Orientación do Concello de Tui realiza un labor de prospección empresarial tanto na rede de empresas colaboradoras con que conta, coma coas do resto do tecido empresarial da zona. Neste eido incidirá amais o equipo prospector do propio programa que detectará os nichos de mercado e das empresas diana en creación de emprego, detectará as necesidades de persoal existentes, e establecerá acordos para dar resposta a esas necesidades de traballadores e traballadoras por parte do tecido empresarial.

A actividade industrial e empresarial no municipio con tres parques empresarias, aos que se suman os de concellos da contorna e do norte de Portugal, as áreas comerciais existentes, e a puxanza do sector turístico, son puntos fortes destacados no proxecto deste programa para dar así resposta ás necesidades de persoal das empresas da contorna ou mesmo fomentar o emprendemento. O Concello de Tui salientaba amais a positiva experiencia previa na celebración destes programas, xa que o Programa Integrado de Emprego que se está a realizar dende febreiro deste ano logrou xa a inserción laboral do 70% das persoas participantes.