Tui potenciará o conxunto patrimonial da contorna do Sagrario en Pazos de Reis

A través da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra

Tui | O goberno de Tui informa que vén de solicitar á Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra o seu respaldo para a execución do proxecto de acondicionamento da contorna da igrexa do Sagrario en Pazos de Reis.

O proxecto establecerá claramente a prioridade peonil ao tempo que completará a posta en valor dun espazo que xa o ten no centro do ámbito pero non no perímetro, mellorando a calidade xeral, tanto dende o punto de vista arquitectónico como ambiental.

O alcalde Enrique Cabaleiro explica que o ámbito de actuación afecta aos viais que rodean a contorna da igrexa e a carballeira anexa que conforma o campo da festa con dous palcos da música xemelgos. Todos estes elementos patrimoniais, xunto coa fonte anexa, forman un conxunto patrimonial e etnográfico de valor destacado como paisaxe galega rural de calidade que o goberno de Tui quere potenciar.

Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns, doten de espazos seguros e amables de estancia aos maiores e faciliten o seu uso por nenos e nenas de xeito autónomo. Ademais das melloras na mobilidade e seguridade, esta intervención suporá un incremento notable da superficie peonil que pasa de 228m2 a 838m2, cun incremento de 610 m2.

Entre os obxectivos do proxecto están a recuperación para o peón da parte norte do ámbito completa, dividíndose a parte sur nun ámbito de prioridade peonil en plataforma compartida na zona máis próxima á igrexa e máis estreita, mantendo o resto deste vial para tráfico con restrición de velocidade.

As actuacións, aínda que non afectan directamente a estas, inclúen tamén a conexión axeitada entre as dúas zonas verdes situadas a ambos lados da igrexa, a maior onde se sitúan os palcos da música e a máis pequena onde se sitúa a fonte.

Proxéctase a substitución do firme, a dotación de mobiliario urbano e iluminación, entre outros traballos a executar. As actuacións, como se indicaba, non afectan á carballeira existente, se ben se tratará de potenciar o seu valor como elemento singular, de gran calidade ambiental e que contribúe ao control da temperatura ambiental e evita o efecto “Illa de calor”.

O goberno de Tui avanza no cumprimento dos compromisos adquiridos non só coa Rede ÁGORA, tamén no Pacto das Alcaldías e vai dando forma a unha cidade máis sostible tal e como esixe a Axenda Urbana Española, da que Tui é beneficiaria ao ser un dos 121 concellos seleccionados para redactar o seu plan de acción de crecemento.