Tui obtén o respaldo de Europa para a súa Axenda Urbana

Único Concello pontevedrés en recibir financiamento europeo

Tui | O concello de Tui inicia a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiamento para redactar a súa Axenda Urbana.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, explica a importancia de ter acadado este apoio que “permite avaliar e deseñar as accións para que Tui camiñe cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario”.

Dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. A través dos fondos Next Generation Tui planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Ordenar e protexer o territorio, revitalizar a cidade, favorecer a economía circular e realizar un aproveitamento axeitado dos recursos, promover a proximidade e a mobilidade sostible, fomentar a cohesión social e impulsar a economía da cidade, innovación dixital e boa gobernanza son as liñas de traballo nas que se enmarca o deseño do futuro de Tui.

A súa ubicación xeográfica, o seu patrimonio histórico e natural, o seu peso nas relacións internacionais con Valença e o traballo realizado a través da Eurocidade, a adhesión ao ÁGORA e o proceso de revitalización da cidade histórica a través do REXURBE foron claves para que Tui obtivera a confianza do goberno do Estado e de Europa. Agora Tui redacta unha planificación que será exemplo a seguir polo resto dos municipios de características similares.

“Unha Axenda Urbana debe concretar liñas de actuación que rexerán o desenvolvemento futuro do municipio cara a sustentabilidade económica, social e medioambiental. Este Plan de Acción debe ser consensuado entre todos e todas e abarca todo o concello, dende as parroquias ao centro urbano”, engade o alcalde.

O equipo redactor iniciou un proceso de participación que contempla encontros con todos os voceiros/as dos grupos da corporación e representantes de colectivos e asociacións, tanto no centro como no rural, para coñecer de primeira man as principais fortalezas e eivas de Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir un diagnóstico que dará paso á redacción do plan de acción.

As primeiras reunións arrincaron esta semana con técnicos municipais e con todos os voceiros/as da Corporación. Para a semana o proceso participativo iniciará o seu percorrido polas parroquias citando ás comunidades de montes en man común e colectivos veciñais e medio ambientais.

“A Axenda Urbana non é un documento político, é a estratexia de futuro e por iso é imprescindible que se realice unha análise, que se faga unha consulta que se planifique con criterios técnicos e se redacte un documento consensuado”, conclúe o alcalde.

Semana de Rosendo Salvado
Rosendo Salvado será o protagonista do ciclo de actividades que se van celebrar dende o próximo luns, 30 de maio, e até o sábado, 4 de xuño, en Tui. O programa está formado por conferencias, visita guiada, concerto, e proxección dun documental sobre un dos tudenses máis egrexios ao longo dos tempos.

A presentación deste ciclo tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e a pianista Andrea González.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmaba que “temos unha débeda importancia coa figura de frei Rosendo Salvado, que goza de maior prestixios e recoñecemento en Australia que aquí”, salientando o labor de “educación e social cos aborixes australianos, sempre dende o respecto as súas crenzas e costumes” por iso dicía “temos a responsabilidade de pór en marcha cantos instrumentos sexan necesarios para recuperar esta figura e dala a coñecer, e enxalzar a súa figura coma realmente se merece”.

Amosou o interese do concello en recuperar o Camiño das Antípodas a Santiago, e tivo palabras de agradecemento para Andrea González polo traballo de pór en valor a dimensión artística e musical de Salvado.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, repasou polo miúdo o programa previsto que abordará diversos aspectos da vida e traxectoria de Rosendo Salvado a cargo de destacados especialistas de alcance internacional. Dicía “é unha pequena mostra e un pequeno cariño a este egrexio tudense coma é Rosendo Salvado” e transmitía os “parabéns a Andrea González por sacar adiante ese disco.

Explicaba así que o ciclo de actividades abrirase con dúas conferencias que terán lugar o luns e martes, ás 20.30 h, na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos. O luns intervirá Giulio Cippolone, catedrático da Universidade Gregoriana de Roma co ponencia “La genialidad ‘herética’ de Rudesindo Salvado: Aborígenes e Ingleses de la misma raza humana. Con los nativos sinfonía de sonidos, cantos y música”. Mentres o martes Albino Prada Blanco, profesor da Universidade de Vigo ofrecerá a conferencia “Rosendo Salvado entre os séculos XIX e XXI”.

A presenza en Tui do catedrático italiano Giulio Cipollone e de Albino Prada, especialistas recoñecidos sobre Rosendo Salvado, aportan unha nova visión sobre o bispo tudense que segue resultando de vibrante actualidade. A súa actividade, as súas reflexións, as súas investigacións en diversos ámbitos sempre vinculados ao seu achegamento aos aborixes australianos, na metade do século XIX, seguen mantendo unha intensa vixencia na actualidade pois conteñen valores universais como o respecto á diversidade, o coñecemento do diferente, a solidariedade, o esforzo…

Mentres o xoves, tamén na Aula da UNED ás 20.30 h celebrarase unha mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música. Intervirán Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela, e Andrea González, pianista e interprete do disco, e o moderador será Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O mércores, 1 de xuño, ás 19 h, terá lugar unha visita guiada por lugares tudenses relacionados con Rosendo Salvado partindo da súa casa natal na rúa Bispo Salvado nº7.
O venres, 3 de xuño, ás 21 h o Teatro Municipal tudense acollerá a presentación do disco “Salvado – Piano Works” da pianista tudense Andrea González, onde recupera a música de Rosendo Salvado que inclúe dúas obras orixinais para piano de Salvado: Fantasía, variaciones y final e Gran Walz fantástico, datadas en 1873.

Este disco complétase coas transcricións para piano realizadas por Salvado de dúas composición relixiosas: Salve Regina e Tantum ergo, do guión para banda do Pequeño entretenimiento con aire de marcha (1887) e a versión para piano de Andrea González de Maquialó, unha danza aborixe que Salvado publicou en 1851.

Este concerto que recolle unha mostra da produción musical de Rosendo Salvado amosa dende unha nova perspectiva a inxente traxectoria do frade beneditino tudense (Tui, 1 de marzo de 1814 – Roma; 29 de decembro de 1900) que non só abrangue a súa dimensión de misioneiro e evanxelizador nas terras de Australia (que ten na abadía de Nova Nursia o seu principal expoñente) senón que Salvado salienta en moitos outros aspectos: etnografía, botánica, ciencia, etc. cunha personalidade poliédrica avanzada ao seu tempo.

Precisamente hoxe na presentación do programa Andrea González referíase a Rosendo Salvado coma “unha figura humanista e icónica do século XIX” engadindo que que “para el a música foi epicentro da súa misión. As artes era un xeito de conectar coas persoas aborixes e poder aportar a través das artes esa comunicación, ese esforzo, esa entrega”.

Andrea González indicando Indicaba que é unha honra forma parte deste ciclo de actividades co concerto presentación do seu disco “Salvado – Piano Works” do que dicía “é un disco moi querido, moi desexado e moi loitado que forma parte de moitas persoas”, aludía asía as colaboracións tanto institucionais coma privadas que se sumaron neste traballo.

O concerto será o venres ás 21 h no Teatro Municipal con entrada libre até completar a capacidade do patio de butacas.

Programa de actividades
Luns, 30 de maio, ás 20.30 h na Aula da UNED
Conferencia Giulio Cippolone, catedrático da Universidade Gregoriana de Roma: “La genialidad ‘herética’ de Rudesindo Salvado: Aborígenes e Ingleses de la misma raza humana. Con los nativos sinfonía de sonidos, cantos y música”

Martes, 31 de maio, ás 20.30 h na Aula da UNED
Conferencia de Albino Prada Blanco, profesor da Universidade de Vigo: “Rosendo Salvado entre os séculos XIX e XXI”

Mércores, 1 de xuño, ás 19 h con inicio na casa natal na rúa Bispo Salvado nº7
Visita guiada por lugares tudenses relacionados con Rosendo Salvado

Xoves, 2 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
Mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música.
Participan:
Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela
Andrea González, pianista e interprete do disco
Modera: Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo

Venres, 3 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
Concerto – presentación do disco “Salvado – Piano Works” de Andrea González
Sábado, 4 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
Proxección do documental “De Rosendo a Rosendo” (2018) dirixido por Cesar Espada.

CTAG na Eurocidade
A Eurocidade Tui-Valença podería ser a primeira eurocidade europea unida por un vehículo autónomo e sostible. Os mandatarios da Eurocidade, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e José Carpinteira, presidente da Cámara de Valença, amosaron o seu interese neste novo medio de transporte tras probar onte o prototipo deseñado polo CTAG e que está a realizar probas na vella Ponte Internacional, a rúa común que comparten ambos municipios.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacaba a importancia de que “o CTAG elixise este espazo para realizar esta proba”, e salientaba que “foi un día importante para este territorio transfronteirizo polo que supón de innovación tecnolóxica en materia de mobilidade”.
Salientaba así o rexedor tudense que “vemos neste proxecto unha oportunidade sobre todo en aras de mellorar a mobilidade das persoas entre os núcleos históricos de Valença e de Tui, nun vehículo autónomo e totalmente respectuoso co medio”.

Os alcaldes solicitaron onte ao CTAG, que amosou total colaboración, estender este proxecto piloto máis aló da ponte internacional até os conxuntos históricos das dúas cidades, para poder despois candidatar este proxecto á próxima convocatoria dos fondos POCTEP, programa Interreg VA España-Portugal.

Enrique Cabaleiro afirmaba que “ese é o reto que temos por diante, e no que imos traballar porque nos parece un proxecto moi bo para este ámbito, e que amais pode aportar moitísima mellora de mobilidade ao reducir o tráfico rodado de vehículos e apostar por un medio de transporte urbano, colectivo e totalmente sostible que pon ao territorio no futuro”.

O CTAG, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, leva meses probando este novo vehículo na vella Ponte Internacional de Tui. Este Shuttle forma parte dun proxecto europeo no que proban coma a tecnoloxía 5G poden axudar a mellorar a condución autónoma en entornos complexos coma os urbanos e transfronteirizos. En concreto onte realizaron probas de como a infraestrura pode axudar a detectar peóns ou a facer condución remota.

Este vehículo eléctrico, aínda que é totalmente autónomo, deberá levar un supervisor xa que así o establece a actual lexislación nesta materia.

Concluídas as probas nuns meses a presentación deste proxecto para toda Europa será na vella ponte internacional o que suporá un escaparate moi importante para a Eurocidade.
Esta nova iniciativa camiña na liña dun dos dez obxectivos marcados na Axenda Urbana, en concreto no obxectivo 5 enfocado a favorecer a proximidade e a mobilidade sostible. O Concello de Tui é un dos 121 concellos de España que conseguiu fondos europeos para a redacción da súa estratexia de crecemento sostible.