Tui lanza o programa “Feminino Plural”

Con obradoiros, talleres formativos e consultas personalizadas para mulleres

Tui | O Concello de Tui vén de pór en marcha Feminino Plural, un programa innovador, integral e intensivo para o impulso das mulleres. Esta semana tivo lugar, na Aula da UNED, a presentación do mesmo por parte da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e das técnicas que conforma o equipo multidisciplinar desta acción.

Até o 30 de setembro Feminino Plural abordará catro eixos: a formación, a atención xurídica, a atención psicolóxica e o asesoramento para o emprego, intermediación e prospección laboral. Ao longo dos próximos meses traballarase de xeito transversal nestas áreas para acadar a plena autonomía das mulleres tudenses.

Feminino Plural brinda tanto atención individualizada coma actividades grupais nos obradoiros e talleres formativos que están organizados. O programa desenvolverase no centro urbano, pero tamén nas parroquias onde haxa un mínimo de 8 mulleres inscritas.

As actividades grupais comezarán a segunda quincena de agosto, celebrándose os martes de 10 a 13 h os talleres formativos e os mércores de 10 a 12 h os obradoiros. As mulleres poden asistir á totalidade dos talleres e obradoiros previstos, ou só aqueles que sexan do seu interese ou disponibilidade.

Os talleres formativos co título xenérico de “Coñécete…” abordarán o autocoñecemento, a historia das mulleres, as habilidades sociais, as oportunidades de traballo, as capacidades laborais, o empoderamento, e os dereitos. Mentres nos obradoiros realizarase unha actividade de coaching, o roteiro “Camiñando con elas”, abordarase a comunicación, como preparar as entrevistas de traballo, o emprendemento, a saúde e a violencia machista virtual.

Amais as mulleres poden solicitar cita para realizar consultas personalizadas co equipo de expertas do programa: unha xurídica, unha psicóloga, unha axente de igualdade, unha orientadora laboral, unha técnica de prospección e intermediación laboral e traballadoras sociais.

Onte na presentación a concelleira de Igualdade Ana Núñez, destacaba que con este programa quérese chegar a todas as mulleres de Tui tanto do centro urbano coma das parroquias. Así indicaba que “queremos chegar a todas as mulleres que poidan precisar de programas tan necesarios como este e poder axustar así os servizos que podemos aportar para atallar a súa vulnerabilidade”.

As mulleres poden solicitar xa a súa participación gratuíta no programa tanto para os módulos e obradoiros como para a atención individualizada coas profesionais que forman parte do equipo do programa no correo igualdad@tui.gal ou nos teléfonos 986 60 32 28 ou 664 55 24 93. O programa de Promoción da Igualdade e a Prevención da Violencia de Xénero, Feminino Plural, está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Programa de talleres e obradoiros Feminino Plural do 16 de agosto ao 30 de setembro
Talleres formativos Coñécete…
Martes de 10 a 13 h
16 de agosto: Coñécete a ti mesma
23 de agosto: Coñece a historia das mulleres
30 de agosto: Coñece as túas habilidades sociais
6 de setembro: Coñece oportunidades de traballo
13 de setembro: Coñece as túas capacidades laborais
20 de setembro: Coñece o teu poder
27 de setembro: Coñece os teus dereitos

Obradoiros
Mércores de 10 a 12 h
17 de agosto: Coaching para a vida
24 de agosto: Roteiro “Camiñando con elas”
31 de agosto: Comunicación
7 de setembro: Entrevistas
14 de setembro: Emprendemento
21 de setembro: Muller e saúde
28 de setembro: Violencia machista virtual

Consultas personalizadas co equipo de expertas até o 30 de setembro