Tui entrega dúas novas guías oficiais RASGO da Red de Juderías

Hugo Lage e Conchi Cruz recibiron esta acreditación

Tui | A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, fixo entrega de dúas novas acreditacións como Guías Oficiais da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad a Hugo Lage e Conchi Cruz.

Nun sinxelo acto no Salón de Plenos do Casa Consistorial, ambos guías recibiron esta credencial que os recoñece para mostrar a historia xudía de Tui aos visitantes.

Deste xeito, os dous novos guías están avalados por esta rede da que a cidade forma parte dende 2019 co obxectivo de promover e divulgar o patrimonio cultural vinculado á presenza de comunidades xudías e cripto-xudías. Con estas novas acreditacións, Tui suma xa seis profesionais culturais que están acreditados por esta institución ao abeiro do programa RASGO.

Este programa RASGO, acrónimo de Restaurantes, Alojamientos, Señalización, Guías turísticos e Oferta cultural de cada cidade da Red, distingue aos establecementos e servizos que contan co aval da propia Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad.

Con este programa destácase unha selección dos establecementos máis salientables nas cidades da Red de Juderías, ofertando unha proposta de servicio de alta calidade e sempre relacionada coa cultura sefardí. O Concello de Tui está traballando para incorporar novos servizos e establecementos a esta oferta do programa RASGO.

Dende a Red de Juderías lémbrase que está a disposición dos guías turísticos e todos os interesados unha oferta formativa integrada por catro cursos, tres xenéricos e un específico para cada cidade, tamén para Tui, con acceso on-line.

“Coñecendo a cultura xudía”, “A historia xudía de España” e “Sefardís de onte e de hoxe”, son os nomes do tres cursos de 30 horas cada un impartidos por expertos na materia. Complétase cun curso específico sobre o patrimonio xudeu da cidade de Tui.

Os interesados deben contactar a través do mail descubridores@redjuderias.org desde onde se informará das condicións establecidas para participar nesta oferta formativa.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.