
Tui | A bandeira da democracia lucirá en todos os centros educativos de Tui e no Agrupamento de Murallas do Minho en Valença. Esta bandeira de Educación e Democracia simboliza o compromiso colectivo das comunidades educativas cos valores da liberdade, da cidadanía e da participación, e que os centros educativos son espazos nos que se aprende a vivir en democracia. A entrega da mesma tivo lugar no transcurso da presentación, celebrada hai uns días, do número especial de Cuadernos de Pedagogía dedicado ao II Congreso Eurocidade Tui-Valença celebrado o pasado mes de xaneiro, e que por vez primeira conta cunha edición en portugués.
O acto desenvolveuse no Seminario Menor de Tui, contando coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, do vereador de Educaçao, Arlindo Sousa, xunto a Florencio Luengo do proxecto Atlántida, e Jorge Fernandes do Centro de Formación do Vale do Minho. Na revista recóllense as conclusións do congreso e os proxectos nos que agora se vai traballar.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que un dos grandes desafíos que temos diante é “a consolidación dos estados democráticos e os valores intrínsecos que lles son propios”. Subliñou que un dos instrumentos decisivos é o ensino, entendido como un dereito público que permite a todas as persoas, con independencia da súa posición social, acceder ao coñecemento en condicións de plena igualdade. Lembrando ao pedagogo Paulo Freire, apuntou que “a educación non cambia o mundo, senón que cambia as persoas que van cambiar o mundo”. Afirmou Enrique Cabaleiro que “o gran activo para facer fronte ao necesario cambio social, que pasa por consolidar os valores e principios democráticos, reside nos nosos rapaces e rapazas”, destacando o papel crucial que xoga toda a comunidade educativa.
Por outra parte o rexedor tudense subliñou a importancia da Eurocidade, como instrumento de cooperación transfronteiriza, engadindo que “Europa comeza a construírse no local, e o municipalismo está chamado a xogar un papel de primeiro orde”.
Pola súa banda a concelleira de Ensino de Tui, Sonsoles Vicente, na súa intervención destacou que “a Eurocidade Tui-Valença está a ser pioneira e valente”, coa celebración do Congreso Internacional de Educación e coa súa participación nos proxectos previstos. Afirmou que a Eurocidade “vai a estar aí para que as familias participen, o profesorado mellore e a sociedade mellore”. O seu homólogo en Valença, Arlindo Sousa, incidiu no compromiso permanente na educación para a democracia e no obxectivo de facer da Eurocidade Tui-Valença “unha referencia ibérica e europea na promoción da educación para a cidadanía democrática”.
Jorge Fernandes do Centro de Formaçao do Profesorado do Vale do Minho e Florencio Luengo do proxecto Atlántida avanzaron os proxectos nos que van traballar. Por unha banda estará un estudo sobre como as escolas están a incorporar a intelixencia artificial e por outra a investigación sobre os sesgos cognitivos e a súa influencia nos docentes, nas familias, e na formación do alumnado, no que participaran doce socios entre universidades, centros educativos, familias e entidades locais. Os primeiros resultados serán presentados no Congreso de Educación da Eurocidade en 2028.




