
Tui | O ir e vir de peregrinos e peregrinas polas rúas tudenses é constante. Aquí inician o Camiño a Santiago, fan un alto até a seguinte etapa, ou realizan unha parada no percorrido diario. Este afluencia reflíctese no crecemento que mes a mes segue a experimentar o Camiño Portugués.
Así, esta ruta acolleu no pasado mes de agosto un total de 16.395 peregrinos, o que representa un incremento do 12% con respecto ao pasado ano, consolidando unha dinámica de crecemento sostido desta ruta xacobea que neste pasado mes foi percorrida por 8.865 persoas de procedencia española, mentres que os estranxeiros foron 7.515.
De novo neste pasado mes de agosto a cidade de Tui consolídase como segundo lugar escollido polos peregrinos e peregrinas de todos os Camiños de Santiago para iniciar a súa peregrinación. En concreto foron 8.802 camiñantes, o que representa 10,92% do total dos peregrinos de todos os Camiños.
Neste ano 2026 Tui mantense como o segundo lugar de inicio da peregrinación con 33.116 persoas, unicamente superada por Sarria, no Camiño Francés con 115.917 peregrinos, e a gran distancia de Ferrol, no Camiño Inglés, elixida por 22.214 peregrinos.
No caso do Camiño Portugués, consolídase como o primeiro lugar escollido polos peregrinos, partindo dende aquí 8.802 persoas. Nestes primeiros meses do 2026 un total de 79.522 peregrinos teñen percorrido o Camiño Portugués: foron 29.352 españois e 49.935 estranxeiros, cun incremento do 12% en relación aos datos do pasado ano 2025. Neste mesmo período o Camiño Francés acolleu a 169.239 persoas e o Camiño Portugués da Costa un total de 74.921.
No desglose destes datos de afluencia podemos comprobar que dos 8.865 peregrinos españois que realizan neste pasado mes de agosto o Camiño Portugués 3.115 peregrinos proceden de Andalucía, 1.266 proceden de Madrid, e 1.218 da Comunidade Valenciana, 649 procedentes de Cataluña e 617 de Castela – A Mancha. En canto aos estranxeiros, dos 7.515 peregrinos de agosto, 2.521 son italianos, 1.701 son portugueses, 505 de Estados Unidos, 263 alemáns, 226 de Polonia e 192 de Brasil. Cabe destacar tamén que das persoas que realizaron o Camiño Portugués da Costa no que vai de ano, un número relevante realizou o trazado oficial portugués desta ruta xacobea que dende Caminha continúa por Vilanova de Cerveira, Valença e Tui, como porta de entrada en Galicia.
Ana Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, salienta como o Camiño Portugués mantén ao longo deste ano 2026 un crecemento constante na presenza de peregrinos, cifrado en torno ao 12% segundo os datos da Oficina do Peregrino da catedral compostelá, o que incide positivamente no tecido social, económico e cultural da nosa cidade e contribúe eficazmente a súa promoción como destino turístico e patrimonial.




