Tui celebrará a Xornada Europea da Cultura Xudía

Do 1 e o 11 de setembro con diversas actividades

Tui | A cidade de Tui súmase, un ano mais, á celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía cun amplo programa de actividades que abrangue dende o xoves 1 de setembro ata o domingo 11 de setembro. Unha renovada oferta de actividades para difundir e valorizar o amplo patrimonio cultural tudense ligado á presenza da comunidade xudía e logo sefardí neste territorio de fronteira.

A programación deste ano destaca pola presenza dunha visita nocturna, á luz das candeas, pola historia do Tui xudeu o venres 2 de setembro ás 22,30 horas, na que se convida aos participantes a portar algunha vela ou candea, e unha visita teatralizada arredor do patrimonio xudeu tudense o domingo 4 de setembro ás 12,00 horas. Completa o abano de visitas unha especifica á colección de Sambenitos do Museo Diocesano o sábado 3 de setembro ás 12,00 horas.

Helena Madeira, cantante e arpista portuguesa será a protagonista da parte musical destas Xornadas cun concerto de música sefardí que terá lugar o domingo 4 de setembro ás 20,00 horas na Praza do Pracer no conxunto histórico de Tui.

Unha exposición sobre a familia Coronel, destacados representante dos cristiáns novos ou criptoxudeu tudenses, en Tui e a exposición “Diálogos” no Paiol de Marte de Valença completan a oferta expositiva, xunto a unha mesa redonda sobre a celebración no vindeiro ano 2023 do IV centenario da morte do médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, e unha charla sobre “Lo que debes conocer de los judios” a cargo do investigador Elyjah Byrzdet.

Finalmente, máis dunha decena de restaurantes tudenses súmanse á celebración das “Xornadas Gastronómicas sefardís: o bacallau” cunha oferta de pratos e menús arredor deste peixe.

As xornadas en torno ao 4 de setembro de 2022, a Rede de Xudarías de España, da que Tui forma parte dende o ano 2019, como membro da Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura e o Patrimonio Xudeus (AEPJ), únese á Xornada Europea da Cultura Xudía, un evento cultural que se organiza desde o ano 2000 co obxectivo de pór de relevo a diversidade e riqueza do xudaísmo e a súa importancia histórica local, rexional e nacional, coa firme intención de promover o diálogo, o recoñecemento e o intercambio cultural.

“A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi RENACER, un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías”

A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi RENACER, un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade.

Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Acceder a este patrimonio sempre é posible, non xa pola visitas preparadas para estas xornadas, senón que a “Ruta xudía” está sinalizada e a través de turismotui.mobi pódese seguir esta itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais.

Ao longo da fin de semana do 3 e 4 de setembro convidamos a visitar o espazo RENACER, na Praza da rúa Ordoñez, simbolizado por unha grande bolboreta Monarca, unha fermosa especie que representa a transformación, e simboliza a vida, o tempo e o renacemento. As súas ás estarán expostas neste lugar, inmediato á entrada ao conxunto histórico tudense, e convidamos ao visitante que cando as atopes, tire unha fotografía con elas e a suba a Instagram. Etiquétenos co noso perfil de Instagram @redjuderias e usando os hashtags: #renacer #redjuderias.  Así, axudaranos a construír o mapa de Sefarad, porque con todas as imaxes crearemos un gran mosaico co noso logo. Ademais, entre os autores de todas as fotografías enviadas, sortearemos unha viaxe de dúas noite con aloxamento e almorzo para 2 persoas na cidade da Rede de Xudarías que elixa o gañador.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a celebración destas Xornadas e o amplo programa preparado contribúe ao posicionamento de Tui e a súa ampla oferta cultural e turística, obxectivo estratéxico do goberno municipal. Destaca o rexedor tudense coma cada vez son máis os visitantes que se achegan á cidade atraídos tamén polo patrimonio xudeu tudense.