Tui adxudica por 1,3 millóns € a reforma da Praza de Abastos

A empresa tudense Plaintec será a responsabe de executar a obra

Tui | O Concello de Tui vén de adxudicar a obra de reforma da Praza de Abastos á empresa tudense Plaintec por un importe de 1.322.706,42€. Así se aprobou onte en sesión plenaria ao ser a oferta máis vantaxosa segundo o recollido na proposta da mesa de contratación. O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno do Partido Socialista, e abstención dos tres grupos da oposición, PP, BNG e C21.

As obras terán un prazo de execución de 8 meses, debendo estar rematadas o 30 de xuño de 2024 ao estar financiadas nun 80% con fondos europeos Next Generation.

O proxecto a executar suporá a reforma integral da Praza de Abastos coa súa modernización e actualización tanto interior coma exterior, co que o mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, sinala que este proxecto é clave “para a dinamización comercial da cidade” e busca converter á praza “nun mercado referente e atractivo”. Ana Núñez amosa a súa satisfacción porque sexa unha empresa tudense, Plaintec, quen vaia a executar a obra, o que significará que o investimento previsto redundará tamén directamente na economía local a través desta firma. Salientaba que o retorno do investimento previsto, amais da propia reforma da praza, non pode ser mellor ao ser executada por unha empresa do municipio con gran parte da súa plantilla tamén tudense.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa confianza en que a execución desta obra “converta a praza de abastos no que debe ser” e destaca “a importancia que este equipamento pode xogar no desenvolvemento económico e social deste concello”.

Bolsas a deportistas internacionais
O Concello de Tui amosa anualmente o seu apoio á práctica deportiva de alto nivel coa convocatoria de bolsas dirixidas aos e ás deportistas que neste ano teñen participado en competicións federadas de ámbito internacional. Hoxe luns, 30 de outubro, vén publicado no BOPPO o extracto das bases reguladoras para a concesión destas bolsas.

O Concello de Tui segue destinando unha partida de 10.000€ a esta finalidade, co obxectivo de facilitar a estes e estas deportistas a práctica deportiva e a súa participación nas competicións internacionais. Deste xeito valórase a súa especial dedicación ao deporte e, á súa vez, á difusión que realizan da Cidade de Tui naqueles eventos deportivos de carácter internacional. As e os deportistas tudenses terán un prazo de dez días hábiles, contados a partir de mañá, para presentar a solicitude e a documentación indicada nas bases, a través de sede electrónica do Concello de Tui.

No ano 2022 foron once os deportistas tudenses que obtiveron as bolsas, as padeeiras Lara Feijóo, Cristina Soutelo e Lucía Soutelo, os padeeiros Iván Alonso, Pedro Vázquez, Sebastián Delgado, Matías Valentín Otero e Manuel Garrido, a remeira Carlota González, o remeiro Jesús González e o judoca Avelino Martínez.