Tui acollerá a celebración do II Congreso FEMUPO

Afondará nos protocolos de atención ás vítimas da violencia de xénero

Pontevedra | A Federación Pola Igualdade Das Mulleres Da Provincia de Pontevedra (Femupo) organiza por segundo ano consecutivo un congreso sobre igualdade, que nesta edición leva por título ‘Protocolos de atención a vítimas de violencia de xénero’.

Durante a celebración deste congreso, que terá lugar no Parador de Tui o vindeiro 25 de setembro en horario de 11:00 a 13:15 horas, serán obxecto de presentación e análise os recursos da Administración na loita contra a violencia de xénero, os protocolos de atención nos centros de información á muller (CIM), os procedementos de denuncia e as dificultades que atoparon as asociacións durante a desescalada.

Desde Femupo destacan a oportunidade que brinda este evento, xa que favorece un maior coñecemento e comprensión dos protocolos, axudas, ferramentas e recursos dispoñibles para a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero grazas á intervención de persoas expertas como a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a presidenta da Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller, Montserrat González; a letrada do Centro de Información á Muller de Mos, Ana Rodríguez; e a presidenta de Femupo, Raquel Touriño.

O devandito encontro, que marca o segundo aniversario do nacemento de Femupo, busca consolidarse como un foro autonómico de referencia no eido da igualdade ao congregar a sectores e representantes deste ámbito.

O congreso concluirá coa intervención da presidenta de Amei Tui, Anabel Solla, que informará das actividades realizadas e das vindeiras actuacións desta federación.