Tui acolle touroperadores e axentes turísticos internacionais

Participarán en Fairway, a feira do Camiño en Santiago

Tui | O Concello de Tui recibiu esta pasada fin de semana a un grupo de 15 representantes de axencias de viaxes e touroperadores internacionais especializados no Camiño de Santiago que participarán en Fairway, feira do camiño de Santiago que se celebra en Santiago os días 2, 3 e 4 de novembro.

Trátase dun Fam Trip ou viaxe de familiarización destes profesionais turísticos que con esta actividade coñecen de primeira man os recursos turísticos das localidades do Camiño Portugués.

Dende a concellaría de Turismo tudense, que dirixe Ana María Núñez Álvarez, xestionouse unha estadía de dous días na nosa cidade para dar a coñecer os recursos turísticos que nos caracterizan.

Este grupo de axentes turísticos puido coñecer o proxecto de Río Miño en Barco, o enoturismo cunha visita a Adega Corisca, cea e aloxamento en Tui e unha visita á catedral e conxunto histórico da cidade.

En concreto, os axentes turísticos que visitaron a nosa cidade representaban ás seguintes axencias: Viskolcy Travel, WeGo Journeys, Travelserv, Spiritours, Penguin Travel, Fab Travel, Viviendo experiencias Travel, Natural Adventure , Camino with Me e Eurasia.

Ana María Núñez Álvarez agradece a colaboración das empresas turísticas locais así como da Catedral para a acollida a esta viaxe de familiarización e contribuír desta forma á promoción turística da nosa cidade e con especial incidencia na promoción do Camiño Portugués, onde a afluencia de peregrinos internacionais experimenta cada ano un incremento numérico, evidenciando a potencialidade desta ruta de peregrinación.

Axudas para os afectados polos incendios
Hoxe, 1 de novembro, abre o prazo para que as persoas afectadas polo incendio dos seus vehículos o pasado 20 de marzo poidan solicitar as axudas básicas de emerxencia establecidas polo Concello de Tui.

Onte viu publicado no BOPPO o extracto das bases desta convocatoria, e as bases completas pódense consultar tanto na web municipal tui.gal coma na sede electrónica. O prazo para presentar a solicitude xunto coa documentación requirida é de 30 días naturais contados a partir de hoxe 1 de novembro.