Tres voluntarios de Tui reciben o distintivo de permanencia de Protección Civil

Polos seus máis de 25 anos na agrupación local

Tui | Tres membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui recibiron o pasado sábado na Estrada, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, o distintivo de permanencia de Protección Civil.

Trátase de José Pérez Alonso, Adolfo Pérez Paramos e Nicolás Martínez Pazos, que levan 32 anos formando parte da agrupación tudense. Foron 3 do 57 voluntarios de agrupacións de toda Galicia que recibiron este recoñecemento por levar máis de 25 anos formando parte de Protección Civil.

Dende o Concello de Tui felicítase a estes tres voluntarios por este recoñecemento, ao tempo que se lles amosa o agradecemento, tanto a eles coma ao conxunto de persoas que integran a agrupación municipal, polo traballo desinteresado e altruísta que levan a cabo ao longo do ano actuando tanto en caso de accidentes ou incidencias coma colaboración con diversos eventos deportivos, culturais ou sociais. Destácase amais o seu esforzo tanto na súa actuación nestas ocasións coma na formación continúa que levan a cabo ao longo do ano realizando diferentes cursos de especialización.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, e o de Medio Ambiente, Ismael Diz, acompañaron aos voluntarios tudenses na entrega deste recoñecemento.