Tres exemplares de aves foron devoltos ao seu habitat no Monte Faro en Chantada

Foran recuperados no Centro de fauna que a Xunta ten no Rodicio

Chantada | Un voitre común e dous miñatos abelleiro foron soltados no Monte Faro, no Concello de Chantada, logo de que foron atendidos no Centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio (Maceda) de diferentes traumatismos que lles impedían voar ou que comprometían a súa supervivencia.

O obxectivo final foi proceder á súa solta cando recuperaron plenamente as condicións necesarias para sobrevivir en liberdade, xusto como aconteceu co voitre común (Gyps fulvus) e cos dous exemplares de miñato abelleiro (Pernis apivorus) que se devolveron ao medio natural.

Tras completar o tratamento veterinario e o correspondente proceso de rehabilitación, recuperaron plenamente a capacidade de voo, polo que os técnicos certificaron que estaban en condicións de regresar ao seu hábitat. Todos eles están identificados cunha anela metálica que permitirá o seu seguimento en caso de futuros avistamentos ou novas recuperacións.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta e incidiu na importancia da colaboración da cidadanía para garantir a conservación e protección da biodiversidade de Galicia.

Sinalou que a preservación da riqueza ambiental da Comunidade é unha cuestión “que nos afecta a todos” e, por iso, lembrou o que debe facerse ante a localización dalgún animal silvestre ferido ou debilitado. En concreto, non debe manipularse o exemplar salvo que resulte imprescindible e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a recollida e traslado do animal ferido, enfermo ou incapacitado ao centro.

O persoal dos centros de recuperación quen se ocupa de prestarlle a asistencia veterinaria especializada, así como de desenvolver os procesos de rehabilitación física adaptados a cada especie. No que levamos de ano nos catro centros que ten a Xunta -un en cada provincia- rexistráronse 253 ingresos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.