Transplantada en Tui unha camelia xapónica de 35 anos aos Xardíns de Troncoso

Foi doada pola familia Ramos-Vieiro

Tui | Nos Xardíns de Troncoso, no Paseo Familia Álvarez Blázquez, foi transplantada estes días unha camelia xapónica, Leonardo da Vinci, que foi cedida pola familia Ramos-Vieiro á Asociación Amigos Tudenses da Camelia, ATUCA.

Este exemplar, duns 35 anos, foi trasladado dende Santiago até Tui e o transplante aos Xardíns de Troncoso foi realizado o pasado xoves baixo a dirección de ATUCA e da Sociedade Española da Camelia, SEC, coa colaboración do Concello de Tui.

Esta actuación forma parte dos primeiros pasos que se están a dar dende Tui para incorporar ao municipio á Ruta da Camelia. Precisamente a plantación de camelias de variedades galegas e portuguesas recóllese no anteproxecto para a recuperación da Alameda de San Domingos realizado pola arquitecta María Fandiño.

Un primeiro paso para incorporar en Tui a Ruta da Camelia.

Este proxecto será remitido á comisión do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico, PEPCHA, xa que tras a solicitude de informe previo a Camiño de Santiago, foi devolvo sen informar alegando que ao estar aprobado o PEPCHA debe ser levado xa a esta comisión.