Tensión entre Mos, O Porriño e Vigo polo risco de seca en Eiras

Posición conxunta dos alcaldes Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo ante as críticas de Abel Caballero

Mos | Os Concellos de Mos e O Porriño participaron onte na reunión convocada por Vigo con motivo do risco de seca na área abastecida por Eiras.

Ante as declaracións verquidas polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, tras a celebración da mesma, os rexedores mosense e porriñés, Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo, fixeron hoxe público o seu “total desacordo coa postura deste señor que, unha vez máis, só busca o circo mediático e a confrontación política”.

Arévalo e Lorenzo aseguran que “as administracións locais ás que representamos, asistiron con actitude contructiva e por respecto e coherencia, co fin, e así o indicaba a convocatoria, de coordinar as actuacións precisas para afrontar unha posible situación de seca. Non para facer demagoxia nin intentar obter rédito político dunha situación que afecta á nosa veciñanza, pero semella que o obxecto da xuntanza non foi outro que ese”.

“Nós non estamos en rebelión contra ninguén, e moito menos contra a Xunta de Galicia”, apuntaron os rexedores, “Fixemos o noso traballo. Na nosa ETAP levouse a cabo unha auditoria para detectar e solventar as fugas, activamos o Plan de emerxencia contra a seca do que dispoñemos e aplicamos medidas de reducción de consumo dende hai dous meses.

O problema ao que se enfrenta Vigo non se dá nos nosos concellos. Fixemos os deberes e non imos consentir que quen non os fixo pretenda facernos cómplices do seu circo”.

Os alcaldes concluíron destacando que se a pretensión era buscar solucións, deberían ter participado na reunión todos os concellos que se abastecen de Eiras, tamén o de Soutomaior que non foi convocado, e a Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos