Teletipos Feijóo.

En Twitter deambulo por Onania practicando o abominable pecado da autocomplacencia. Esta rede reflexa a miña realidade vital, poucos seguidores, menos amigos, cero agregados, por ter non teño nin haters. Doulle “me gusta” a cada unha das mensaxes que elaboro dende outros perfís falsos que creei para logo ver repicar a campá, que me ten igual de condicionado que Pavlov tiña ao seu can, e así, deste xeito, é como provoco a salivación psíquica que me conduce á produción de contido dixital. Outro hábito masturbatorio a confesar é o de visitar en innumerables ocasións as miñas propias mensaxes para mellorar os datos estadísticos.

Debido aos dous procesos electorais recentemente rematados, levo dous meses desatado, cunha inusitada actividade nesta rede social, agora controlada polo home máis rico deste planeta en estado de ebulición. Nada máis e nada menos que quince chíos en dous meses, que de seguro aumentarán porque algúns aínda seguen en campaña e non queren caer na conta de que as eleccións xa son pasado.

Houbo unha serie de acontecementos que provocaron esta reacción. Todo comezou tralos resultados das municipais en Ponteareas e a conseguinte negociación que houbo para acadar a alcaldía. Tiña a sensación de estar asistindo a unha mala película de suspense, falta de emoción e ritmo, na que o final era previsible e no que un dos postulantes pretendía asaltar os ceos cunha sobreactuada e pouco convincente posta en escena.

Pero se algo acaparou o foco mediático, non foi o retorno dos ultracentristas senón o ‘Caso Mingos’. Este concelleiro sacoulle todo o protagonismo á nova alcaldesa cunha viral intervención durante o pleno. Tras afirmar que cada vez que alguén non estea de acordo con el sempre vai estar aberto ao diálogo, foi interpelado por un membro de BNG. De repente, fixo unha antirregulamentaria paradiña, como se fose a lanzar unha pena máxima, achegouse ao micro e orneou agarimosamente: “Cala ti parapléjico”. A colexiada aplicando o liderado laissez-faire, non só non o sancionou senón que lle deu as gracias pola filigrana.

Xa nas Xerais chegou un xinete trotando ao galope de Gish, adestrado nos cortellos do asesor de Ayuso, un tal MAR, coñecido por ter moi malas resacas de fondo. Ametrallou con falsidades a un torpe Sánchez, que tería que ter visto o proceder de Feijoo cando acadou o goberno da Xunta en 2009 e así decatarse de ata onde é capaz de chegar don Alberto Pinochete para conseguir o seu obxectivo e do cómodo que se atopa salpicando esterco á cara dos seus interlocutores sen apenas inmutarse. Menos mal que o debate celebrouse ao principio da campaña e non catro días antes de ir ás urnas. Unha semana foi dabondo para desmontar os embustes deste falso ídolo con pes sustentados no esvaradío vómito da mentira.

“O discurso do Partido Popular baseouse en ‘derogar o sanchismo’ e en ocorrencias que ían tendo a medida que se achegaba o día de ir a votar”

O discurso do Partido Popular baseouse en “derogar o sanchismo” e en ocorrencias que ían tendo a medida que se achegaba o día de ir a votar. Dende aumentar o salario dos traballadores de Correos, prohibir por lei as eleccións en verán, despedir a Tezanos, negar as cifras de paro e da boa situación económica do país e, como non, ETA e os seus presos.

Contando sempre cos altofalantes de Ferreras, Inda, Ana Rosa, Vallés, Pastor, Griso, Los Santos … que patrocinaron e acubillaron ao extremocentro e as súas mentiras coa intención de liberar a España do okupa da Moncloa, de filoterroristas, comunistas, golpistas e puigdemonts varios. Todos, sen excepción, se atendemos ás acepcións 2 e 3 do dicionario: “persoas taimadas, astutas, solapadas que afectan simpleza por non traballar honestamente”, superarían un casting para facer un cameo na serie Zorro/as.

Este proceso electoral pasará á historia pola gran repercusión que tiveron, como garantes de veracidade, os teletipos. Nun de tantos que lin asegurábase que Feijoo o día anterior á celebración do debate a tres, enviou unha carta a televisión española para poder participar no mesmo e que dende TVE contestáronlle que non podía ser porque xa non tiñan tempo para conseguir un cuarto atril.

Noutro, que o Partido Popular denunciárase a si mesmo porque sospeitaba que no reconto do voto estranxeiro houbo un pucherazo, do que eles mesmo se beneficiaron, xa que lle roubaron un escano aos socialistas. O último que me chegou foi un no que Sánchez propón facilitar un goberno do PP se este se compromete a desenterrar ás máis de 100.000 persoas sepultadas nas cunetas españolas, para entregar os restos ás familias e poidan ter unha inhumación digna. Pero o partido de Ayuso respondeu que “hai liñas vermellas que non están dispostos a cruzar” e que as vitimas de ETA lle están a solicitar que meta nunha cárcere flotante a tódolos presos da banda que non saiban nadar, tal é como fan os conservadores británicos.

Pero a “Festa da Democracia” non fixo máis que comezar. De aquí á investidura, a caverna mediática baleirará os depósitos de munición, que non lle deu tempo a utilizar na campaña, coa intención de emponzoñar todo o que poida o normal proceso de intentar formar un goberno Frankenstein, un dos meus terrores favoritos de ficción. Eles prefiren a outra alternativa, a de un monstro real ao que xa lle gustaría ter a metade de humanidade, sensibilidade e decencia do ser creado polo doutor Victor Frankenstein.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.