Teatro pola igualdade en Mondariz

Baixo a dirección da creadora escénica Avelina Pérez

Mondariz | O Concello de Mondariz continúa comprometido coas artes escénicas como ferramenta de creación, expresión e reflexión colectiva.

Esta mesma semana comezou a impartirse un obradoiro de teatro a prol da igualdade no Centro Social de Mondariz que chega este ano á súa cuarta edición e se prolongará até principios de marzo, cando o alumnado ofrecerá unha actuación final con motivo do Día da Muller.

Esta actividade sociocultural, que é gratuíta e xa está completa con 16 persoas inscritas, ten como directora a Avelina Pérez, formada en dirección de escena e dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e cunha longa traxectoria teatral.

Un ano máis, está organizada polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Mondariz, cunha subvención do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais de ensinar técnicas de actuación e improvisación que melloran a comunicación e a creatividade, este obradoiro busca promover a reflexión social a través da arte e cuestionar prexuízos relacionados coa igualdade de xénero, creando un espazo seguro no que mulleres e tamén homes poidan liberarse e empoderarse.

Nos últimos anos, o Concello de Mondariz está incluíndo o teatro na súa programación de actividades socioculturais, tanto con representacións de obras no auditorio municipal como con talleres formativos. Nos anos 2021 e 2022, ademais de continuar co obradoiro de teatro a prol da igualdade de Avelina Pérez no Centro Social de Mondariz, a Concellería de Cultura e Igualdade promoveu obradoiros de teatro comunitario nas parroquias de Mouriscados, Gargamala, Toutón e Sabaxáns para poñer en valor a memoria do rural desde unha perspectiva feminista.

“As prazas complétanse rapidamente, sobre todo a partir das primeiras edicións. Moitas persoas repiten. Son actividades que gustan porque se realizan en grupo, promoven a comunicación social e fomentan valores como a autoestima ou a confianza. Para nós, o teatro, tanto na programación de eventos coma na axenda de actividades socioculturais, é garantía de calidade”, afirma Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade de Mondariz.