Teatro e danza copan a programación do 8M en Ponteareas

Actividades co foco na defensa da igualdade de xénero

Ponteareas | As mulleres son as protagonistas este mes de marzo en Ponteareas. Ao abeiro do 8M, Día Internacional de Muller, o Concello preparou unha programación cultural e de autocoidado coa que devolver espazos ás mulleres, visibilizar a loita pola igualdade real e efectiva e promover novos modelos de relacións simétricas.

Con este obxectivo, a Concellaría de Igualdade puxo en marcha un novo curso de biodanza que, como en edicións anteriores, tivo unha grande acollida por parte da veciñanza. Trátanse de obradoiros que buscan reforzar a autonomía e a autoestima das mulleres, unha proposta para conectar mente e corpo coa vitalidade precisa para emprender novos procesos de crecemento persoal cara a autonomía e o benestar a través da música e do movemento. Este curso complementouse cun de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, un taller co que dotar ás participantes de ferramentas para defenderse ou previr situacións complicadas.

A programación ao abeiro do 8M pecharase en Ponteareas o sábado 18 de marzo coa obra ‘Tabú’, de Tarabela Creativa, unha representación de Carmen Conde que nace froito das conversas recollidas con mulleres galegas de entre 70 e 95 anos sobre a súa vida erótica e sexual na súa xuventude. Un tendal no que poñer a clarexar todas as intimidades a través dun espectáculo no que transmitir historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son cimento da terra galega e que dan vida ás fillas do Tabú. A representación será na sala multiúsos do auditorio municipal ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Con esta programación o Concello procura “seguir dando pasos na concienciación da veciñanza sobre a importancia de recoñecer os dereitos conquistados, de rachar coa desigualdade e de seguir avanzando nun modelo de relacións simétricas en todos os ámbitos e a todas as idades, porque a igualdade depende de todas e todos nós”, como explica a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.