“Tanxugueiras” galardoadas con dous premios MIN

Como "Mellor Álbum de música de raíz" e "Mellor Álbum en galego"

Santiago de Compostela | A gala do XV Aniversario dos Premios MIN tivo lugar onte á noite en Palma de Mallorca, reunindo e premiando aos artistas máis destacados da escena independente do noso país no último ano.

Tanxugueiras, nominadas en sete categorías, conseguiron gañar dúas delas: “Mejor álbum de música de raíz” e “Mejor álbum en gallego” por “Diluvio”, o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records.

Na gala, presentada por Samantha Hudson, tamén foron premiados Los Estanques e Anni B Sweet (gañadores en cinco categorías) ou Biznaga (en dúas).

Este dobre recoñecemento para o trío galego chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio “Artista Revelación Alternativa 2023” dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema “Aire”, producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras.