Tanxugueiras e LaMontagne & Pico Amperio en Oia

Este domingo 25 de setembro nos “Concertos do Xacobeo”

Oia | Oia acollerá este domingo un dos concertos do Xacobeo, que traerá a Tanxugueiras e ao dúo LaMontagne & Pico Amperio. A cita musical terá lugar na Eira do Convento (Santa María de Oia) a partir das 20.00 horas.

A programación dos “Concertos do Xacobeo”, organizada pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22, permitirá ao público oiense gozar de dúas recoñecidas formacións musicais que, nos seus respectivos traballos, mesturan con mestría innovación e tradición.

O espectáculo deste domingo será gratuíto e de entrada libre. Comezará ás 20.00 horas coas propostas de LaMontagne e Pico Amperio para, posteriormente, continuar coa actuación das Tanxugueiras.

Tanxugueiras
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vogal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandereteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra (con máis de 11.000.000 de escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro de 2022), tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena.

Todo forma parte do seu novo disco Diluvio, que veu a luz a finais de xullo de 2022 e co que presentan un potentísimo show. Nel móstrase a nova sonoridade creada pola banda, da que xa deron parte en directo en Manresa, Castellón, ou Porto e Setúbal (Portugal). Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Laura LaMontagne & Pico Amperio
Pola súa banda, Laura LaMontagne inicia o seu proxecto con Pico Amperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares: Pedro (Teo, 1995) formou parte do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura e Furnier; mentres que Laura (Lugo, 1993) experimentou en recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte.

Melodías suaves, bucles vogais, percusións marcadas e atmosferas rasgadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística.

Na súa proposta mestúranse música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, con especial atención ás obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro, Luz Fandiño e Xela Arias.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos