Tanxugueiras despídese dos escenarios até o 2022

Co peche da Xira Contrapunto na Coruña e Pontevedra
Tanxugueiras despedirase da serie de concertos de presentación de Contrapunto, o seu segundo álbum, dous anos despois do inicio da mesma.

Santiago de Compostela | A Xira Contapunto bota o pano esta fin de semana. Primeiro na Coruña, e despois en Pontevedra, Tanxugueiras despedirase da serie de concertos de presentación de Contrapunto, o seu segundo álbum, dous anos depois do inicio da mesma.

Serán os dous últimos directos que as cantareiras ofrezan até o ano que vén e, coma vén sendo habitual desde o pasado mes de setembro, todas as localidades están esgotadas.

A primeira cita terá lugar mañá sábado, 27 de novembro, na Coruña. O centro Ágora acollerá, contra ás 20.00 horas, unha actuación das pandeireteiras no marco do Festival de Artes pola Inclusión Social Festigual.

Á xornada, seguinte, o domingo 28 de novembro (un día antes de que se cumpran os dous anos do primeiro concerto de presentación de Contrapunto),  temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, mais desta vez as cantareiras estarán acompañadas, sobre o escenario, por grandes voces e instrumentistas da escena galega.

Figuras como Xabier Díaz, Sabela, Uxía Senlle, Lilaina ou Edelmiro Fernández participarán nun directo moi especial, no que tamén soarán algúns dos novo temas das cantareiras, como Midas ou Figa; e co que se despedirán dos escenarios até 2022. A cita, recollida na programación da Culturgal, comezará ás 18.00 horas.

Contrapunto (2019)
Contrapunto naceu como convicción: as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional. Presentouse como un segundo disco maduro, cheo de matices e renovador, no que Tanxugueiras fiou cinco relatos, cada un coa súa cara e coa súa cruz, nos que cantaron sobre o empoderamento da muller, a amizade, a deslealdade, a liberdade ou a traizón. Singles como Desposorio ou Perfidia, cuxo videoclip foi finalista dos Premios Mestre Mateo, deron boa conta da proposta do álbum, que situou ao trío no epicentro da renovación da escena trad.

Desde a publicación de Contrapunto en novembro de 2019, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro visitaron ducias de escenarios, sumando máis de noventa actuacions. Xa desde o inicio da xira, cunha actuación por provincia e fóra dos circuitos habituais, Tanxugueiras amosou as súas cartas: o grupo tiña unha proposta diferente e harmónica, que partía da intimidade do escenario para acadar a máxima potencia cunha grande execución vocal. Logo de visitar Mos, Burela e Celanova, en febreiro de 2020 chegaron a Santiago de Compostela, localidade na que esgotaron todas as entradas da Sala Capitol; un ritmo que mantiveron ao encher os auditorios en Oleiros, As Pontes e Cangas.

A chegada da pandemia freou en marzo de 2020 a xira de presentación do disco, que retomaron no mes de xullo no TradFest compostelán, e da que deron boa conta neste 2021 por numerosas localidades de toda a península e en citas de referencia como La Mar de Músicas (Cartaxena), EXIB (Setúbal) ou Goikoorts (Bélxica), e que compaxinaron coa presentación do seu novo espectáculo en citas como Womex (Porto), Fira Mediterrànea (Manresa) ou Trovam (Castellón).

Nos últimos meses as pandeireteiras tamén sumaron colaboracións con primeiras espadas da escena musical estatal, como Kiko Veneno (Festival Terraceo), Rayden (Marín é música e Concerto especial 20º aniversario no Wizink Center) ou La Pegatina (SonRías Baixas), entre outras. Este 2021 tamén tiveron ocasión de colaborar e gravar temas cos galegos Carlos Núñez, Iván Ferreiro ou Dakidarría; coa banda catalana Roba Estesa, os valenciáns Niuss ou o vasco Xabi Aburruzaga, entre outros.