Tamara Montero, Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”

Polo artigo "Casaio, a cartografía invisible da guerra"

Ourense | A xornalista Tamara Montero recibiu o XXXII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, dotado con 1.500 euros e un diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa do xornalismo de calidade feito en Galicia.

No acto, celebrado no Salón de Plenos do pazo provincial, o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández entregoulle o galardón á premiada acompañado por representantes institucionais, membros do xurado -coa súa presidenta, Patricia Torres, que leu a acta do fallo- e Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio.

O xurado ditaminou outorgar por unanimidade o galardón a Tamara Montero polo seu artigo “Casaio, a cartografía invisible da guerra”, publicado o 22 de setembro de 2021 en La Voz de Galicia, “por un exemplo do que debe ser unha reportaxe, misturando o estilo xornalístico co máximo rigor”. A premiada, sinala o xurado, “amosa oficio e talento para mesturar voces nun exercicio polifónico que ofrece unha nova mirada sobre as feridas da Guerra Civil, a posguerra e a necesidade de blindar a nosa memoria colectiva, incidindo neste caso no patrimonio industrial do país”.

Tamara Montero reivindicou na súa intervención a importancia do xornalismo cultural, “con peso para cambiar as cousas”, e recoñeceu o traballo dos “meus compañeiros en La Voz de Galicia, de todos aprendín algo”. Fixo un chamamento colectivo aos xornalistas -destacando “a importante labor social que facemos día a día”- e recordou a Carracedo, como un “exemplo de profesional que entendía o espírito máis puro do xornalismo”. No acto interveu Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, quen felicitou á premiada e agradeceu o traballo do xurado.