Tagen Ata reivindica Ferrín: primeiro ser, despois trunfar.

O pasamento de Xosé Luís Méndez Ferrín interpela ao país moi alén da crónica literaria. Reducir a súa figura á condición de xenio literario suporía unha amputación analítica. Ferrín foi, antes de nada, un construtor de conciencia nacional nunha Galicia que, durante décadas de ditadura e dunha autonomía tantas veces minguada á mera e dependente xestión administrativa, corría o risco de se disolver no folclore ou na simple melancolía. Ferrín entendeu con lucidez meridiana que un pobo sen relato propio nin vontade de autogoberno carece de densidade histórica para estar no mundo.

Na súa obra e na súa praxe cívica latexa a máxima de Castelao en Sempre en Galiza: “Primeiro ser, despois trunfar”. Non lles hai nación que acade plenitude política nin recoñecemento exterior se antes non se asume como suxeito de dereito, titular dunha língua, cultura e cosmovisión, dunha memoria e dunha capacidade soberana de decisión. A literatura, o ensaio, a opinion xornalística e a militancia política non foron en Ferrín compartimentos estancos, senón ferramentas complementarias dun mesmo proxecto: devolverlle a Galicia a condición de protagonista fronte á submisión periférica.

No plano lingüístico e cultural, a súa achega resulta estrutural. Demostrou que o galego non era unha reliquia arqueolóxica condenada á elexía rural, senón un instrumento apto para a alta modernidade estética, o pensamento complexo e a ambición universal. En Retorno a Tagen Ata, esa xeografía mítica opera como metáfora transparentísima da nación: unha terra ocupada e silenciada, mais non resignada, chamada a recoñecerse e organizarse para conquistar a súa liberdade.

Esa mesma tensión entre potencia creativa e minorización estrutural explica o sentido profundo da súa candidatura ao Premio Nobel, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) dende 1999. Non se trataba de vaidades gremiais, senón dun acto de afirmación: reivindicar que unha literatura escrita nunha lingua minorizada pode dialogar en pé de igualdade co canon universal. Que o galardón non chegase, e que o eco exterior do seu pasamento fose notoriamente inferior á magnitude da súa obra, non diminúe Ferrín; antes ben, retrata a asimetría dun sistema cultural europeo e estatal que aínda tende a ler como local todo aquilo que non se expresa nas linguas hexemónicas. Que Méndez Ferrín non sexa abondo recoñecido fóra do seu País obríganos rachar a minorización na que se nos ten colleitos.

Agora ben, a admiración e ao recoñecemento ao poeta e literato nacional e ao líder patriota non obriga á haxiografía acrítica. Como todo home de acción e pensamento, Ferrín adoptou ás veces opcións tácticas e organizativas discutíbeis, protagonizou rupturas e afirmou posicións políticas que hoxe poden xulgarse pouco eficaces ou excesivamente ríxidas. Porén, a crítica lexítima aos seus camiños non pode escurecer a coherencia do seu horizonte: a convicción de que Galicia precisaba dotarse de poder político propio para deixar de ser subalterna.

“Méndez Ferrín dedicou a súa vida a facer posíbel o primeiro verbo da sentenza de Castelao: ser”

Tamén cómpre abordar a súa reticencia ás teses reintegracionistas, afastándose da tradición do galeguismo histórico que seguían hai corenta anos Carvalho Calero, Alonso Estraviz ou Marinhas del Valle, entre outros moitos. Ferrín era honesto intelectualmente ao considerar que estas teses podían diluír a personalidade específica do galego estándar e comprometer a súa viabilidade social nun país xa golpeado pola diglosia. Mais a súa belixerancia contra o reintegracionismo alimentou unha fractura interna esterilizante e dificultou unha estratexia intelixente de aproveitamento do espazo lusófono. Contextualizar non pode absolver os excesos nin pechar un debate que segue aberto e que cómpre resolver dende a concordia.

Malia todo, Méndez Ferrín dedicou a súa vida a facer posíbel o primeiro verbo da sentenza de Castelao: ser. Tagen Ata reivindícao-reivindicámolo- porque esa nosa nación consciente e libre segue a ser unha tarefa inconclusa. A mellor homenaxe a Méndez Ferrín, ao Ferro que chamaban os seus amigos, non reside na retórica protocolaria, senón nunha pregunta incómoda dirixida á sociedade galega e ás súas institucións: que temos que facer ou seguir a facer hoxe para garantir que Galicia sexa? Porque sen lingua e cultura vivas, sen unha economia sostíbel e próspera e sen capacidade real de decisión, trunfar seguirá a ser unha verba baleira.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.