Susana Seivane levará a súa gaita a O Porriño

Na homenaxe a Rosalía de Castro o vindeiro 23 de febreiro

O Porriño | O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura e en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, preparou unha programación específica para celebrar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Co fin de homenaxear a esta figura clave das letras e cultura galegas, recordar a súa labor e facer que siga presente para as novas xeracións, propón un programa de actos o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Arrancará ás 19 h no Círculo Recreativo Cultural co concerto da reputada pianista, Andrea García.

Susana Seivane será o prato forte da programación. A célebre gaiteira ofrecerá un concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios ás 20:30 h (no caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan trasladarase ao CRC).

Versos de Rosalía
Rosalía de Castro ensinou á sociedade da época, e á de hoxe en día, que as mulleres teñen voz e moito que dicir. Unha muller do século XIX que foi quen de marcar un punto de inflexión para o auxe do Rexurdimento, momento clave no eido literario e sobre todo, no político e no social.

Por iso dende o Concello do Porriño decidiuse que foran mulleres as que puxeran voz aos versos da autora, en representación do tecido social da vila. Juana Pérez, presidenta de ACIPOR, Chus Barros do Club Ciclista SPOL, Chus Lemos e Beatriz Correa do Centro Cultural de Pontellas, Eva González do Club de Lectura do Porriño, Alicia Campos do Club Balonmán Porriño, Candela Carballas de Atrezo Teatro e a xornalista porriñesa, Icía Alcalde, farán unha lectura conxunta dun poema da autora.

Será en dúas quendas, unha en cada un dos concertos que conforman a programación.