Sumar Galicia denuncia ao PP de Ourense por uso indebido da propaganda electoral

Coa utilización da imaxe corporativa da Xunta de Galicia nun acto electoral

Ourense/Sumar Galicia | Sumar Galicia vén de presentar ante á Xunta Electoral de Ourense unha denuncia contra o Partido Popular da provincia polo uso indebido da imaxe corporativa da Xunta de Galicia no reparto de propaganda electoral realizado pola deputada do PP no Congreso, Ana Belén Vázquez Blanco, o pasado 2 de febreiro.

A deputada popular publicou na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter) unha serie de imaxes nas que, acompañada con Sandra Quintas, alcaldesa do
municipio ourensán de Bande e sobriña de Vázquez Blanco, repartía propaganda
electoral do Partido Popular. Nestas imaxes pódese apreciar como ademais das
papeletas en sobre pechados, aparece a rexedora cun abrigo co logotipo da Xunta de
Galicia.

Sumar Galicia entende que o uso da imaxe corporativa nestes actos de campaña supón
unha vulneración do principio de neutralidade, transparencia e igualdade. A imaxe da
institución é patrimonio de toda a Galicia, non do Partido Popular. A formación do
presidente Alfonso Rueda está a realizar unha apropiación ilexítima da imaxe do
goberno de todas as galegas e galegos.

Entendemos, tamén, que repartir propaganda electoral desta forma supón un intento
de confundir ós votantes, que poden chegar a pensar que as papeletas e resto de
material propagandístico chega de forma oficial desde o propio Goberno galego.
Publicar as imaxes nunha rede social como X (anteriormente Twitter) busca ter un
alcance maior do acto de campaña.

No momento de interposición da denuncia a publicación da deputada popular contaba con 317.000 visualizacións, estendendo o público receptor a todos os usuarios da plataforma e consolidando a súa permanencia no tempo.

Por todo iso, Sumar Galicia entende que o post publicado por Ana Belén Vázquez
Blanco debería ser eliminado.