SOS Tomiño Baixo Miño e Alberto Romero Rodríguez “Romer”, gañadores dos Premios Cidade de Tui 2022

Entregaranse o sábado 16 ás 19.30 h no Teatro Municipal

Tui | O Concello de Tui convocou por segundo ano os Premios Cidade de Tui destinados a recoñecer e galardoar o relevante labor desenvolvido tanto por persoas físicas como xurídicas para o progreso da nosa cidade, pola a súa achega ao desenvolvemento social dende o seu ámbito profesional ou por calquera acción de relevancia que teña contribuído ao engrandecemento e difusión de Tui e os seus cidadáns.

O xurado destes premios reunido a pasada semana acordou, por unanimidade, a concesión dos seguintes premios. Na categoría colectiva á Asociación Asistencial Sos Tomiño – Baixo Miño e na categoría individual a Alberto Romero Rodríguez “Romer”.

No que atinxe á Asociación Asistencial Sos Tomiño -Baixo Miño o xurado valorou que dende o ano 2009 ven desenvolvendo unha ampla actividade, sendo un exemplo sobranceiro de compromiso social a prol dos máis desfavorecidos do municipio de Tui e dos concellos veciños de Tomiño, O Rosal e Oia.

O xurado valora o traballo xeneroso e altruísta dos numerosos voluntarios que integran esta Asociación, a colaboración interxeracional que promoven nas súas actividades e o amplo programa asistencial que desenvolve este colectivo. O mesmo tempo que destaca a excelente organización á hora da recollida e distribución das axudas e a alta efectividade coa que desenvolven o seu labor.

Polo que respecta á categoría individual o premio concedido a Alberto Romero Rodríguez, “Romer”, é, segundo a acta do xurado, en recoñecemento ao seu traballo dende hai máis de dúas décadas na promoción do muíños do río Tripes. Alberto “Romer” é o impulsor, dende o ano 2003, da romaría de “ Os nosos fariñeiros, burros e muíños” e promotor, dende o ano 2007, da Asociación de Muiñeiros do río Tripes.

O xurado valora o seu labor de investigación do noso patrimonio etnográfico e inmaterial relacionado co río Tripes e o Parque Natural do Monte Aloia, a súa condición de promotor da restauración dos muíños deste río, da cultura popular asociada aos mesmos e a ruta de sendeirismo que percorre este amplo conxunto etnográfico, consolidada como un dos principais recursos turísticos e culturais do noso municipio. Destaca o seu traballo altruísta e o seu empeño na recuperación e promoción dos muíños do Tripes, conservando e enriquecendo o noso patrimonio cultural.

Finalmente o xurado quixo deixar constancia do seu homenaxe de recoñecemento a tres figuras falecidas neste último ano e que, polas súas achegas á nosa cidade e traxectoria persoal ligada a Tui, son merecentes de recoñecemento:
Daniel Domínguez Pérez, profesor e guionista
Alfonso Álvarez Gándara, avogado
Luis Hernando de Larramendi, avogado e vicepresidente da Fundación Ignacio Larramendi.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os galardóns concedidos nesta segunda edición do Premios Cidade de Tui recoñecen as importantes achegas que á vida colectiva de Tui teñen realizado tanto a Asociación asistencial Sos Tomiño – Baixo Miño, que ten unha das súas sedes no noso concello, así como o labor de tanto anos, na recuperación do patrimonio cultural e natural vinculado cos muíños do Tripes, realizado por Alberto Romero.

Son exemplos de traballo altruísta ao prol da vida colectiva, do desenvolvemento social e comunitario do noso concello. Tanto Sos Tomiño – Baixo Miño como Alberto Romero son testemuña da vitalidade da sociedade tudense. O acto de entrega destes premios terá lugar nun acto solemne o vindeiro sábado, 16 de abril, ás 19.30 h no Teatro Municipal.

1.100 persoas pasaron en marzo pola nova Oficina Municipal de Turismo
O pasado mes de marzo, a nova Oficina Municipal de Turismo de Tui, localizada no céntrico Paseo da Corredoira, rexistrou un total de 1.152 consultas sobre información turística da nosa localidade. Destas consultas un total de 1.031 correspondían a visitantes e 121 a peregrinos.

Do total de 1.031 visitantes 960 eran españois, e 71 de orixe internacional. Entres os visitantes nacionais destacan 413 de Galicia, 135 de Madrid, ou 60 de Alava. Entre os estranxeiros rexistráronse 53 visitantes de Francia, 21 de Arxentina, 10 de Portugal, e 5 de Alemaña, entre outros.

En marzo 121 peregrinos se achegaron até a Oficina de Turismo na súa nova localización. O cambio incide negativamente no rexistro de peregrinos que se realiza xa que antes este punto de información turística se situaba en pleno Camiño. Das persoas que estaban a realizar o Camiño e demandaron información 62 eran españolas, procedentes de Cuenca (8), Badajoz (6), Murcia (6), Valencia (4), Castellón (4), Zamora (3) Alicante (3), Navarra (3)… e 59 procedían doutraso países: Alemaña (19), Portugal (14), Italia (10), R. Unido (4), Brasil (3), R. Checa (2), Dinamarca (2).

Comparando os datos do mes de marzo cos de 2019, previo á aparición da covid, se rexistrou un substancial incremento de visitantes pasando dos 243 turistas ( 23 estranxeiros e 220 españois) aos actuais 1.031 visitantes. Mentres hai tres anos se atenderon 123 peregrinos (110 internacionais e 13 españois) e este ano 121.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, amosa a súa satisfacción por este datos estatísticos da afluencia de visitantes pois evidencian o atractivo da nosa cidade tamén nun mes fóra das tempadas turísticas tradicionais.

Tamén os Camiños Portugueses de peregrinación a Santiago de Compostela, que teñen en Tui a porta de entrada en Galicia, continúan aportando un crecente número de peregrinos recuperando cifras de anos anteriores a pandemia.

Para o rexedor tudense estes datos de afluencia turística representan tamén unha grande responsabilidade para o futuro pois cómpre seguir traballando para mellorar a nosa oferta turística e para incrementar a súa calidade, un traballo que ten que desenvolverse conxuntamente entre a administración pública e o sector turístico, pois unicamente compartindo sinerxías é posible mellorar e avanzar.