“Somos Ribadumia” pide actuar de xeito mancomunado no tema dos verquidos do río Umia

Critica a actitude dos alcaldes de Ribadumia e Vilanova de Arousa

Ribadumia | “David Castro e Gonzalo Durán suman esforzos para anunciar fume de leña verde”. Así se refire Enrique Oubiña ao anuncio feito polos alcaldes de Ribadumia e Vilanova de Arousa logo de reunirse co delegado da Xunta.

De partida dende Somos Ribadumia queremos deixar claro que calquera solución que se leve a cabo para rematar cos verquidos no bombeo de Cabanelas serán benvidos. O que non recibimos ben son os manexes políticos de Gonzalo Durán, aos que David Castro, para vergoña do noso concello, parece non ter reparos en sumarse, nin moito menos que se fagan anuncios de obras de xeito repetitivo, pero sen avanzar, sen proxectos redactados nin partidas orzamentarias.

A obra para reforzar o bombeo de Cabanelas por 800.000€ foi anunciada por Durán e Augas de Galicia en marzo de 2016, logo do enésimo episodio de verquidos ao río Umia e de que dende Somos Ribadumia e da agrupación local do PSOE, promoveramos unha actuación conxunta entre o Concello e a mancomunidade, e se trasladara a Augas de Galicia esta problemática.

O anuncio feito onte repite o do 2016, coa novidade de que non hai novidade, pois nin se elaborou nestes cinco anos un proxecto, nin moito menos se orzamentou, e dende logo non hai nada licitado. Isto significa que este anuncio, no caso de ter proxecto non tardaría seis meses en ser unha realidade, se non que como mínimo tardariamos un ano en ver as máquinas traballando. Polo tanto “ hai que lamentar que o PP e o noso alcalde nos vendan fume a cambio dunha foto, mentres os tubos seguen contaminado o río”.

Ademais, Gonzalo Durán e David Castro esquecen na súa posta en escena o traballo feito. Xa no 2016 e 2017 se pediron informes de cales eran as causas dos desbordes do bombeo de Cabanelas, e a propia empresa adxudicataria trasladou claramente que parte do problema se debía as malas conexións de saneamento. “Na lexislatura pasada, dende a concellaría que eu xestionaba, e para cumprir os compromisos adquiridos dende o noso concello, fixéronse importantes actuacións de corrección na liña de saneamento, para evitar as entradas de augas pluviais, sobre todo no polígono dea Grenla, que tiña as liñas de saneamento e pluviais intercambiadas, así como diversas actuacións en Leiro e Ribadumia.

Todo iso serviu para retrasar o ciclo de sobrecarga do bombeo, que antes das nosas actuacións desbordaba coas mínimas choivas e agora aguanta varios días de choivas continuas sen verter ao río.. Quen non moveu un dedo para solucionar os problemas no seu concello e solo se dedicou a propaganda foi Gonzalo Durán, como para que agora veña a darnos leccións de nada”.

En realidade, este anuncio feito é unha manobra de Gonzalo Durán para tratar de desprestixiar á presidenta da mancomunidade do Salnés. Para Oubiña “Durán non da puntada sen fío, e non pode evitar actuar de xeito misóxino, por iso que precisamente o 8M sacase da manga unha xuntanza co delegado da Xunta, tentando deslexitimar a presidenta da mancomunidade por terra mar e aire”.

Dende Somos Ribadumia o que máis lamentamos é a falta de respecto institucional ao deixar fora desta xuntanza ao Concello de Cambados e á Mancomunidade do Salnés, cando esta cuestión que tamén lle afecta polas súas características a estes dous organismos. E dende logo, temos que criticar “a irresponsabilidade de David Castro, que evita por todos os medios relacionarse coa mancomunidade da que o noso concello forma parte, pero non ten problemas en facerlle de Sancho Panza a Gonzalo Durán na súa particular guerra contra o PSOE.”

Dende Somos Ribadumia, sumámonos aos colectivos e entidades que levan anos pedindo solucións e non anuncios, e solicitamos do noso alcalde e de Gonzalo Durán que se deixen de xogos políticos e actúen con responsabilidade e seriedade, e que este asunto tan grave se xestione de xeito mancomunado, presentando ante Augas de Galicia e o goberno de Núñez Feijóo unha posición conxunta.