Somos Ribadumia denunciou a “cacicada” do goberno local no reparto das axudas COVID ás empresas

Alertou o seu voceiro Enrique Oubiña

Ribadumia | No medio da documentación que o goberno local pretendía manter oculta ata o último minuto, para que dende Somos Ribadumia non puideramos facer unha valoración, e que este próximo martes van ir a pleno, encóntranse as bases para o reparto da liña de fondos covid disposta pola Deputación, que debe xestionarse a través dos Concellos, e que no caso de Ribadumia ascende a 14.700€.

Dende Somos Ribadumia insistimos en apoiar ao goberno en todas as cuestións que repercutan en beneficio da veciñanza, e dende logo estaremos a favor de calquera liña de apoio aos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia, polo que tal e como Explica Oubiña, “aínda que estas axudas chegan tarde, mal e arrastro, nós ímolas apoiar. É máis, pensamos que a partida – aportada integramente pola Deputación, o Concello non pon nada – debería complementarse con fondos municipais. Por dous motivos: o primeiro porque 14.700€ para todas as empresas afectadas é unha cantidade que da para moi pouco, e en segundo lugar porque economicamente é posible, e ademais é posible sen afectar a ningunha outra partida orzamentaria”.

Pero unha cousa é apoiar que se dean liñas de axuda como neste caso a hostaleira, pequeno comercio, axencias de viaxe, ximnasios ou outros negocios similares, que é a quen está dirixida, e outra aceptar que os cartos se repartan de calquera maneira.

“E aquí é onde temos que por de relevancia ‘a cacicada que o goberno de David Castro pretende levar a cabo, ademais coa falsa imaxe de transparencia, ao pretender que os partidos da oposición formemos parte do seu xogo, cousa que pola nosa banda non vai pasar”.

E aquí é onde temos que por de relevancia “a cacicada que o goberno de David Castro pretende levar a cabo, ademais coa falsa imaxe de transparencia, ao pretender que os partidos da oposición formemos parte do seu xogo, cousa que pola nosa banda non vai pasar”.

O texto que o goberno local pretende aprobar, de partida establece un prazo de so vinte días para presentar as solicitudes, cando esta liña a Deputación tena aberta ata o 31 de decembro, o cal obrigará ás empresas que queira beneficiarse delas a andar apurados para reunir a documentación. que o reparto de fondos, que permitirán subvencionar os custes de alugueres, subministros, seguros de responsabilidade civil e accidentes, compra de mercadorías relacionadas coa actividade, gastos derivados dos salarios do persoal ou gastos financeiros directamente relacionados coa actividade, se realizará a través dunha “Comisión de Valoración”, que se pretende estea formada polo Alcalde, a concelleira de Contas, a concelleira de Promoción Económica, os voceiros dos grupos políticos da Corporación municipal- o cal deixa fora ou ao concelleiro do Psoe ou ao concelleiro de Somos, pois ambos forman o grupo mixto – , e un técnico municipal do departamento económico, ademais da secretaría municipal que sería a única persoa da mesa sen voto.

O problema, explica Oubiña, “non reside tanto na fórmula, de partida pouco democrática, como no propio proceso de reparto. Non hai un mecanismo de avaliación obxectiva das axudas, nin ningún tipo de limitación á cantidade que as empresas poden solicitar e recibir, salvo o teito económico da partida. Isto significa que calquera das empresas que cumpra os requisitos, que non son moi esixentes, pode presentar facturas ata un total de 14.700 €. E logo será a Comisión de Valoración, ou sexa os políticos, os que decidan que cantidade de fondos se lle entrega a cada empresa de maneira totalmente arbitraria”.

Na práctica, o goberno local pretende repartir os cartos a dedo. Ademais, o propio documento inclúe dous puntos que son o colmo da tomadura de pelo ás empresas e aos concelleiros da oposición. Por un lado o ditame da Comisión de Valoración so ten valor propositivo, e deberá ser a Xunta de Goberno, formada unicamente por membros de IR, quen dea a aprobación definitiva ou modifique se o considera o reparto, ou sexa que en realidade a Comisión de Valoración non vale para nada máis que para aparentar.

O outro punto é que no caso difícil de non haber acordo maioritario nesa comisión, onde IR ten catro votos de sete posibles, será a Xunta de Goberno quen tome a decisión, que xa a ía tomar de todos xeitos. “Mírese como se mire, van ser os membros de IR os que decidan cantos cartos e a quen se lle entregan. Obviamente, non podemos estar de acordo con esta maneira de distribuír fondos municipais”.

A legalidade destas bases está claramente en entretido ao non cumprirse os criterios de igualdade de oportunidade nin de transparencia no proceso de adxudicación dos fondos. Polo que dende Somos Ribadumia facemos un chamamento ao goberno local para que rectifique o documento, antes de aprobar algo en pleno que non é legal, nin é igualitario para as empresas.