SOMOS Ribadumia denuncia o deterioro dos paseos fluviais do Concello

En particular a Ruta da Pedra e da Auga, e a senda fluvial do río Umia

Ribadumia | En vésperas da Semana Santa, dende Somos Ribadumia realizamos un chequeo das nosas sendas fluviais, tanto da Ruta da Pedra e da Auga, como da senda fluvial do río Umia, que transcorre entre Barrantes e Pontearnelas.

A situación na que se encontran lamentablemente non é moi distinta da que denunciamos en xullo de 2019, fai máis de ano e medio, nin se nota que dende aquela se realizaran moitas labores de mantemento, salvo cortes de herba e podas esaxeradas e innecesarias. De feito, parte do mobiliario deteriorado segue no mesmo punto que cando o denunciamos por escrito, aínda que en peor situación, e outra parte unicamente foi retirado, sen ser substituído por material novo. En verbas do noso voceiro “David Castro no canto de atender ao necesario fai perder o tempo dos traballadores municipais en accións innecesarias e negativas para o entorno, empeorando a mala imaxe que estes espazos acumulan dende o verán do 2019”.

Deste xeito, tal e como vimos denunciando ao longo destes meses, percorrendo todas as sendas encontramos elementos de madeira e taboleiros informativos rotos, vallas, papeleiras, mesas… algúns tirados de calquera maneira, outros supoñendo un perigo pola presenza de puntas descubertas ou bordes cortantes, e en xeral unha falta de coidado do mobiliario urbano moi evidente para calquera que pase por esas sendas. “E pasa moita xente, pois o bo tempo está favorecendo a práctica do deporte ao aire libre entre a nosa veciñanza, así como a visita de persoas doutras concellos da contorna e do resto de Galicia, que xa esta pasada fin de semana deron moita vida tanto á ruta da pedra e da auga como a senda fluvial do Umia”.

Mala imaxe para o turismo
Chama a atención que a pesar disto, David Castro “pretende dar unha imaxe irreal do noso concello, chegando a situacións algo surrealistas, como cando este pasado lúns o goberno local subiu ás redes do Concello unha foto da ruta da pedra e da auga feita fai anos, recén aberta ao público, e tan mal escollida que houbo veciñas que pensaron que se instalara mobiliario novo”.

Detalles quizais sen importancia para os que vivimos en Ribadumia, pero que deixan mal sabor de boca na xente que nos visita, que agarda encontrar unha ruta bucólica, con espazos para o esparcemento coidados, pero encontra algo moi distinto, con evidentes signos non xa de abandono, senon de moi mal coidado, o cal é aínda peor.
Resulta lamentable que ante o inicio da tempada turística, e sendo coñecedores da alta carga de visitas que reciben estas sendas dende o inicio da primaveira calquera ano, o goberno local aínda non mobilizara as cuadrillas municipais para darlle unha revisión e poñer a punto o noso espazo máis turístico.

Por todo o exposto, pedimos a David Castro que se dea unha volta pola ruta da pedra e da auga, comprobe por si mesmo a situación na que se encontra, para que non lle pase como no pasado pleno que estivo mais de media hora dicindo que se habían retirado todos os restos de poda ata que Oubiña lle amosou fotos desa mesma tarde obrigándoo a rectificar, e que dedique recursos e persoal de maneira inmediata a por en valor o noso ben turístico mais visitado.

Agradecemento á Marta Xiraldez
A quen debemos agradecer a súa boa actuación é á presidenta da mancomunidade. Fai unhas semanas denunciabamos que un dos paneis colocados recentemente pola Mancomunidade non incluían a lingua galega. Pois vimos de comprobar como en días pasados o taboleiro foi cambiado por outro que si inclúe a lingua galega, ademais do castelán e o inglés.

Polo tanto debemos agradecerlle non so a corrección, senón a premura a hora de realizala e o coidado amosado polo uso da nosa lingua no taboleiro, non so nos textos, se non usando correctamente as denominacións tradicionais onde corresponde, axudando así á conservación da nosa cultura tradicional.