Somos Ribadumia denuncia a problemática do CPI Xulia Becerra Malvar

Critica a falta de atención por parte da Consellería de Educación

Ribadumia/SOMOS Ribadumia | A Consellería de Educación ignora os problemas do CPI de Ribadumia e garda completo silencio sobre a súa xestión nese centro onde, entendese que por orde do propio Román Rodríguez, a praza de terapeuta pedagóxico segue sen cubrirse un mes despois de comezado o calendario lectivo.

Dende Somos Ribadumia, tal como explica Oubiña “mantemos un continuo diálogo coa dirección do Colexio e coa ANPA, e estamos ao tanto de que foron varios os intentos por parte da comunidade educativa de conseguir que a Consellería puxera fin a esta situación e cubrira a praza deste profesional tan necesario, todos eles infrutuosos, que tropezaron co silencio político, cando non cunha mala resposta por parte dalgún responsable da área de educación de Pontevedra”.

Tampouco recibiu resposta a solicitude presentada dende Somos Ribadumia para que o señor Conselleiro se puxera en contacto coa ANPA e a dirección do centro e lles explicase os motivos desta situación.

A situación chegou a tal extremo que, para poder encaixar o calendario escolar e dar atención de reforzo que eses trinta nenos e nenas precisan, a dirección do colexio tivo que mover profesores de primaria a secundaria, e reorganizar todo o cadro educativo.

Pero esta solución non é máis que un parche, “espiron un santo para vestir outro, e iso ademais de non resolver o problema de atención deses cativos, afecta ao bloque de educación primaria, que quedou cun mestre menos. Un mestre que fai moita falla logo de tres anos de recortes de profesorado e que tampouco ten a especialización que os nenos con necesidades especiais precisan”.

Enrique Oubiña (esquerda) coa dirección do colexio.

Ao noso ver, a Consellería, co apoio da xefatura territorial, está abusando da boa vontade do profesorado, da ANPA e das familias dos nenos e nenas afectados por esta situación, moitas das cales prefiren evitar accións públicas para non expor as súas crianzas.

E dende logo, “así como para outras cuestión soubemos valorar positivamente as accións dende a Consellería, agora non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas nin esta actitude, totalmente irrespectuosa coa nosa veciñanza”.

Dende Somos Ribadumia xa amosamos todo o noso apoio a ANPA e á dirección do colexio, que seguen insistindo para que a Consellería de Educación corrixa esta situación ao tempo que estudan outras medidas nas que, por suposto, nos terán ao seu carón.