Sobre a violencia contra as mulleres.

Agora que non se precisan escoltas para protexer á xente amenazada por ETA, penso que se deberían dedicar eses recursos a protexer ás mulleres que están en perigo polas condutas violentas das súas ex-parellas masculinas, que non aceptan a separación. E tamén facilitar ás mulleres que o soliciten axuda para independizarse do seu maltratador. O Estado non debe ser tan pasivo ante estes crimes machistas, que nos avergoñan como homes e como sociedade. Fanse campañas sensibilizadores e algunhas penso que están ben, pero o problema non se atalla. É posíbel que haxa algún inocente que pase uns días en prisión, pero este é un mal menor que ocorre en moi contadas ocasións. Os homes temos que aportar o noso gran de area e algúns xa o fixeron e xa o fan. Parabéns por eles.

Algunha xente reclama que este Día Das Letras Galegas se lle adique a unha escritora e, na manifestación do día 17 de Maio en Compostela, unhas rapazas protestaban porque a elas non se lles homenaxeaba. Temos a Rosalía de Castro porén a súa sombra debe deixar medrar o recoñecemento a outras mulleres escritoras. Eu teño simpatía polas mulleres e coido que a sociedade pode ser moito mellor se elas son máis libres, máis donas de si e máis protagonistas. O BNG deu ese paso e eu estou moi satisfeito e esperanzado cos resultados, que sen dúbida serán moi satisfactorios para Galiza. E todo o que queremos para Galiza querémolo tamén para todas as nacións e para todos os pobos do mundo…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.

Outros artigos