Sober homenaxea a Jaime Pérez Fortes, falecido en Kosovo

Foi policía xudicial da Garda Civil

Sober | O Concello de Sober organizou un emotivo acto para homenaxear ao policía xudicial da Garda Civil Jaime Pérez Fortes, que faleceu en Kosovo, no transcurso dunha misión humanitaria, no ano 1999.

O alcalde, Luís Fernández Guitián, presidiu o acto na súa memoria que tivo lugar na praza do cuartel da Garda Civil da localidade no que se descubriu un monolito e no que non faltou a música e a lectura dun poema.

Os restos mortais do policía xudicial están enterrados no cemiterio de Proendos. O motivo de que se elixiu esta data para homenaxear ao Jaime Pérez é que, de seguir vivo, cumpriría cincuenta anos.

Á homenaxe asistiron os seus pais, así como o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Lugo, Miguel Ángel González; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Gerardo Criado. Tamén participaron o capitán da Garda Civil de Monforte, o comandante de posto de Sober e membros da corporación municipal.