Sober, distinguido cunha bandeira verde de Galicia

Premiado polas súas boas prácticas ambientais
Casa Consistorial de Sober.

Sober | A Xunta fallou a concesión de nove bandeiras verdes de Galicia a outros tantos concellos, co fin de recoñecer o seu esforzo e a súa implicación, así como dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e o patrimonio natural.

Así, ao abeiro da segunda convocatoria, os municipios de Curtis, Ordes, Alfoz, Mondoñedo, Parada de Sil, Outeiro de Rei e Sober acadan por primeira vez a bandeira verde de Galicia; mentres que Porto do Son e Moaña revalidan este recoñecemento, despois de que na primeira edición –a de 2020- foran os primeiros e únicos concellos que ondearon o distintivo.

Con estes galardóns, o Goberno galego quere premiar a aqueles concellos que destacan polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, ao tempo que se converte nunha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía.

Así mesmo, son un xeito de poñer en valor a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia e de apuntalar a idea de Galicia verde.