Sober celebrou con éxito a Feira da Rosca

O Concello organizou a cuarta edición do túnel do viño de Amandi

Sober | Sober celebrou a edición 25 da Feira da Rosca repartindo gratuitamente, en quince minutos, 2.000 racións da rosca con queixo ou mel. Na celebración participaron tres postos de rosqueiros, dous de olería, tres de mel, catro de queixo, dous de artesanía, a Librería da Proencia e Cachenas de Pantón. A degustación organizada polo Concello resultou exitosa logo de dous anos de ausencia.

“A rosca é básicamente pan doce, pero a súa elaboración é un segredo de cada rosqueiro, aínda que de base leva fariña de trigo, ovo e azucre. Tamén hai quen lle bota anís ou algún outro ingrediente”, comentou o alcalde Luis Fernández Guitián.

De todas as parroquias soberinas a de Millán é a de maior tradición. Afirman que alí se atopa a receita ideal, que garante as mellores proporcións e un sabor idóneo. “Era habitual levar a rosca a todas as feiras das comarcas de Lemos e Caldelas, ademais dos días de festa”, engadíu o rexedor. Lembrou que, como tantos outros oficios, o de rosqueiro case se perde. Só quedaba un en todo o municipio cando o Concello creou a festa de exaltación.

“A aquela primeira Feira da Rosca viñeron cinco rosqueiros e dende entón, ata algúns particulares se puxeron a facer roscas, que seguen cociñándose polas festas e mesmo repártense polas casas”, relatou Guitián.

O alcalde estivo acompañado por varias autoridades locais e comarcais. Entre os asistentes atopábase o seu homólogo de Pantón, José Luis Álvarez e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, quen acudiu acompañado de diversos dirixentes socialistas locais.

O Concello tamén organizou a cuarta edición do Túnel do Viño de Amandi coa participación de Vinosacra e coa colaboración da Consellería do Medio Rural e Torre de Núñez. Asistiron trinta adegas desta subzona da denominación de orixe Ribeira Sacra, que acudiron con máis de 60 referencias de viños para ser catados.