Sindicato Labrego Galego, COAG e UATAE reclaman que o sector agrario acceda á xubilación anticipada sen penalizacións

En 2023, o sector agrario rexistrou a mortalidade laboral máis alta do Estado

Ourense | O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG), COAG e UATAE presentaron unha petición ante o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, para demandar que as persoas agricultoras e gandeiras autónomas poidan acceder á xubilación anticipada sen redución de prestacións, ao abeiro do Real Decreto 402/2025, do 27 de maio.

Desde o SLG “consideramos que esta medida é de xustiza, dado o carácter penoso, perigoso e altamente esixente do traballo no campo. Só no ano 2023, rexistrouse un índice de mortalidade laboral no sector agrario de 8,23 mortes por cada 100.000 persoas traballadoras —o índice máis alto do estado español—, unha taxa que case se triplica coa idade, pasando a ser máis de 20 por cada 100.000 persoas a partir dos 55 anos”.

“Estamos a falar dunha actividade que require un uso intensivo da forza física, o manexo de animais de gran porte e de maquinaria pesada, traballo ao aire libre en condicións extremas ou tendo que manter malas posturas e cunha exposición constante a produtos tóxicos”. “Unha vaca de carne ou un macho poden superar os 1000 quilos de peso, e manexar estes animais pode ser bastante perigoso e require unha boa saúde física e mental”, declarou Isabel Vilalba, secretaría xeral do SLG, gandeira e produtora de faba en lourenzá. “Por este motivo, pensamos que é de xustiza que a nosa profesión se inclúa dentro do catálogo de profesións que poden anticipar a súa xubilación sen ter que chegar aos 67 anos e cobrando o 100% dos dereitos e prestacións”.

Tanto o SLG, como COAG e UATAE subliñan ademais a especial afectación e vulnerabilidade das mulleres labregas, que asumen unha dobre carga física e mental, moitas veces cun nivel elevado de medicación nos últimos anos da súa vida laboral, sen que iso se vexa recoñecido nas súas condicións de acceso á xubilación.

Para o SLG é fundamental que o Goberno aplique os coeficientes redutores para a idade de xubilación no sector agrario, algo que xa se contempla noutros sectores con recoñecemento de penosidade como a minería ou os corpos de bombeiros.

“Reivindicamos que esta medida sexa aplicada con carácter urxente e de forma xusta, garantindo que quen traballou toda a súa vida no campo, poida acceder a unha xubilación digna, sen penalizacións e con todos os seus dereitos recoñecidos”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.