Servizo de Transporte desde Oia ao IES A Sangriña no curso 2021/2022

A empresa Lugove dará o citado servizo

Oia | O Concello de Oia informa dos horarios do servizo de transporte ao IES A Sangriña (A Guarda), que funcionarán no vindeiro curso escolar 2021-2022.

A liña da empresa Lugove que dará o citado servizo será a “ruta XG8836601 IES A Sangriña-San Xian-Oia-Pedornes-Burgueira-Loureza”, cos horarios (de luns a venres).

O transporte entre Oia e o IES da Sangriña está operativo desde a aprobación, o pasado ano, do Plan de Transporte Público de Galicia.

Toda a información sobre liñas e horarios da empresa de transporte Lugove con orixe ou destino Oia está dispoñible na web bus.gal e tamén na seguinte ligazón da web municipal: http://www.concellodeoia.es/documentos/linas-transporte-oia-lugove/

Este transporte pode ser utilizado tanto por estudantes como por veciños e veciñas non estudantes que o precisen. Existen bonos a disposición dos viaxeiros con descontos para persoas con discapacidade, nenos menores de 6 anos, pensionistas, desempregados de longa duración, etc.

Tarxeta de transporte para a mocidade
Por outra banda, o Concello de Oia informa de que, as persoas mozas menores de 21 anos que así o desexen, poden solicitar unha tarxeta para beneficiarse de viaxes de balde no transporte público de Galicia. Concretamente, a “Tarxeta Xente Nova” permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas.

Para conseguir a Tarxeta Xente Nova debe solicitarse cita nunha oficina da entidade Abanca (que é quen as expide) e acudir á cita co DNI. No caso de menores, a solicitude deberá facela a persoa representante legal. Todos os pasos do procedemento, desde a forma de pedir a cita para solicitala ata como usar ou recargar a tarxeta, poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.bus.gal/gl/xente-nova

Así mesmo, na ligazón bus.gal están dispoñibles os horarios dos servizos de transporte autorizados en cada momento.

Todos os veciños e veciñas de Oia que queiran consultar algunha dúbida relativa á tarxeta ou á súa tramitación, poden contactar co servizo de AEDL do Concello no teléfono 986.36.21.25.

Por outra banda, e dado a alto número de estudantes que van ir este ano cursar os seus estudios no IES A Sangriña; a alcaldesa, Cristina Correa, solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que se autorice unha parada máis en Viladesuso a fin de cubrir as necesidades que lle teñen trasladado algunhas familias.