Seminario de autoemprego en Tomiño

O Concello de Tomiño organiza un seminario de “xeración e maduración de ideas” para o autoemprego de cara a potenciar iniciativas empresariais que creen o seu propio posto de traballo a través dalgunha fórmula de autoemprego. O obxectivo é crear negocios que aproveiten o que xa existe e o melloren ou o fagan diferente.
O seminario, organizado en colaboración co Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), ten unha duración total de 15 horas. O curso impartirase os días 25 e 29 de novembro e o 2 de decembro de 16h30 a 21h30 no Edificio da Escola Obradoiro de Goián.
O obradoiro está dirixido a persoas desempregadas e a traballores en activo, autónomos ou empresarios en xeral aínda que non teñan previsto crear un negocio. Os interesados poden inscribirse na Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Tomiño.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, apuntaba que dende o Concello seguen a traballar “en torno á xeración de novos postos de traballo e dentro deste campo de crear iniciativas que creen autoemprego”.