Sarabela Teatro representou “A lingua das bolboretas” en Monforte

Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Monforte de Lemos | O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021, o 22 de abril no edificio multiusos celebrouse a posta en escena da quinta das obras previstas para público adulto: A lingua das bolboretas, da compañía Sarabela Teatro.

Trátase dunha obra de Manuel Rivas, dirixida por Gonçalo Guerreiro e interpretada por Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo.
O prezo da entrada xeral para esta obra foi de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón foi de 110 persoas.

“Trátase dunha obra de Manuel Rivas, dirixida por Gonçalo Guerreiro e interpretada por Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo”

Sinopse
O espectador foi testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, vaise descubrindo paulatinamente ante o espectador a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas (como o mundo dos insectos), facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será O mozo da última fila da compañía Redrum Teatro que terá lugar o xoves 27 de maio ás 20:15 horas no mesmo escenario, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.