Sarabela Teatro organiza o 14º Festival Internacional de Teatro de Ourense

Do 14 ao 24 de outubro, a realizarse en Ourense e Barbadás
A compañía ourensá Sarabela Teatro.

Ourense | O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) avanzou a programación da súa 14ª edición, coa que regresará ao encontro do público do 14 ao 24 de outubro tanto na capital ourensá como en Barbadás.

A Xunta de Galicia contribúe á organización desta cita por parte da compañía Sarabela Teatro, beneficiaria dunha das nove subvencións outorgadas en 2020 a partir da convocatoria para mostras de artes escénicas de carácter profesional.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras na presentación desta carteleira, que desta volta pon o acento nos artistas locais.

“O FITO programará unha decena de compañías de teatro e danza”

O FITO programará unha decena de compañías de teatro e danza, entre as que tamén se atopan varios referentes da escena galega e española, ademais da colombiana Paula Malik e a portuguesa Boca de Çao.

Dinamización cultural, económica e turística
Sutil expresou a satisfacción por colaborar un ano máis con esta cita, no marco do compromiso que o Goberno galego mantén con este tipo de eventos, especialmente neste época marcada polo contexto sanitario.

Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, este apoio responde ao carácter estratéxico dos festivais desde o punto de vista da promoción e dinamización cultural, así como económica e turística.

Neste sentido, a Xunta reforzou a liña de subvencións aos festivais de artes escénicas no marco do Plan autonómico de reactivación do sector cultural, reservándolle un orzamento de 200.000 euros −un 5% máis que en 2020− e introducindo unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos encontros á evolución da pandemia.

“A Xunta reforzou a liña de subvencións (…) reservándolle un orzamento de 200.000 euros −un 5% máis que en 2020”

O Teatro Principal de Ourense, onde tivo lugar a presentación, repite como escenario central do FITO, que este ano tamén ofrecerá funcións no CEIP Mestre Vide, na Alameda e nos arredores da Praza de Abastos ourensá, e na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás.

A representación galega nesta 14ª edición corre a cargo da Cía. Furia Sotelo, que estreará aquí a peza Mortais e vulnerables; Artesacía con As illas desertas, Teatro do Atlántico con Libre coma os paxaros, Producións Teatrais Excéntricas con Estrela do día e Marta Alonso Tejada con Bailar agora. Ademais, desde Madrid chegará a Compañía Viejas Promesas con Katana e desde Castela e León Imaginart Teatro con Senda sobre rodas.

Como actividade paralela, o Festival Internacional de Teatro de Ourense pon en marcha este ano a iniciativa 67 Graos, Ourense Efervescénica, a través da que se outorgarán cinco bolsas de creación para outros tantos proxectos escénicos e un premio do público.