Sara Inés Vega tomou posesión como alcaldesa socialista de Castro Caldelas

Logrou maioría absoluta nas eleccións do 26 de novembro deste ano

Castro Caldelas | Sará Inés Vega Núñez tomou posesión da Alcaldía nun pleno celebrado no castelo caldelao con asistencia dun nutrido grupo de veciños e veciñas. Tomaron posesión nove concelleiros da Corporación (5 do PSdeG que prometeron o cargo e 4 do PP que xuraron o cargo).

“Nunca utilizo un papel para facer un discurso á miña xente, levo 41 anos en Castro Caldelas, síntome caldelá, e para dirixirme á miña xente falo co corazón e non necesito nada. Pero fago unha excepción, que é, por cuarta vez ao dar un discurso de toma de posesión. Hai moitos sentimentos nel e seguramente se me quebraría a voz, por iso vai ser lido”, dixo.

Dirixíuse a súa veciñanza, compañeiros de Corporación, amigos e familia cunha “enorme emoción, que sinto tras ganar en menos de seis meses por maoría absoluta estas segundas eleccións. Unha emoción na que se mesturan sentimentos e sensacións moi variadas, pero fundamentalmente a gratitude, a satisfacción e unha enorme responsabilidade para cumprir as vosas expectativas e seguir mellorando a vida de todos os veciños de Castro Caldelas. Cando remate esta lexislatura serán case 30 anos de servizo aos cidadáns, traballando na xestión pública do Concello de Castro Caldelas, de xeito transparente, traballando pola igualdade e sempre dende a cercanía e a humildade, deses 30 anos máis de 9 son como alcaldesa”.

Manifestou sentirse “moi orgullosa de ter posto a Castro Caldelas no lugar que se lle corresponde, levamos seis anos mantendo á poboación pese ao envellecemento da nosa xente e dos falecementos. A premisa que nos vai mover a min e aos meus compañeiros, que teño ao mellor equipo, é a de traballar e traballar como fixemos estes anos, todo dirixido a mellorar a calidade de vida de Castro Caldelas, estándo ao pé de terra e con ilusión e esforzo”.

Como obxectivos citou a dotación de solo industrial para empresas, o aparcamento disuasorio, así como a recuperación do mosteiro de San Paio impulsar iniciativas e seguir creando oportunidades “para os nosos gandeiros o noso sector primario, que estivo sempre sostendo a Castro Caldelas e agora dunha maneira máis puxante”.

Sara Inés destacou que os seus principios son o “traballo incansable, o diálogo permanente e a cercanía aos problemas da veciñanza. O noso equipo compromete o noso esforzo e capacidade para que o Concello siga sendo o principal axente dinamizador do municipio e para iso escoitaremos a todos, estaremos ao lado das persoas e dos problemas da xente”.

Vega Núñez dedicou a parte final do seu discursos aos agradecementos, mencionando nalgúns casos os nomes concretos das persoas.

Comezaba dándolle as grazas ao seu antecesor no cargo, Eladio Osorio Castro, e continuaba co equipo de goberno, cos seus compañeiros do PSdeG-PSOE de Castro Caldelas, cos traballadores do Concello, e, tamén coa súa familia, cunha mención especial e emocionada á súa mai e tamén ao seu pai, “que hai cinco anos que non está pero sigo sentindo que continúa ao meu lado cada día, vai por ti papá”, concluía.